Santiago, 4 de maio de 2016.- O portavoz do Partido Popular de Galicia, Miguel Tellado, salientou hoxe que, coa baixada de 3.644 parados rexistrada no mes de abril en Galicia, “a nosa Comunidade acumula 30 meses consecutivos de descenso interanual do desemprego, o que nos permite situarnos na actualidade con menor número de parados que hai seis anos”.
Tellado afirmou que “a senda de recuperación da nosa economía e a estabilidade política que vivimos en Galicia permiten que mes a mes se acumulen as baixadas de desempregados na nosa Comunidade, chegando xa aos 16.608 parados menos que hai un ano, o que representa un descenso do 6,79 por cento”.
“Todo o que supoña reducir o número de persoas inscritas nas oficinas de emprego supón unha satisfacción para o Partido Popular, pero somos conscientes de que aínda quedan moitas persoas que desexan traballar e para os que seguiremos adoptando medidas e incrementando os esforzos para que poidan cumprir o seu obxectivo de acceder ao mercado laboral”, manifestou.
Emprego estable e de calidade
O portavoz popular subliñou que “o Partido Popular quere converter a Galicia nunha comunidade que xere emprego estable e de calidade, poñendo enriba da mesa oportunidades para todos os galegos que desexen traballar nas mellores condicións e no menor prazo de tempo posible”.
Miguel Tellado referiuse, ademais, ao incremento de 13.898 novos afiliados á Seguridade Social en Galicia rexistrado no último ano, “o que supón que Galicia leve 25 meses consecutivos incrementando o número de afiliacións”.
“Trátase dun dato importante porque cada novo traballador que se sume á Seguridade Social é un paso máis para garantir a supervivencia das nosas pensións e a sostenibilidade do sistema”, indicou.