Santiago, 23 de decembro de 2020.- A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique criticou hoxe que “o maior exemplo de hipocrisía e engano político descarado vivido en Galicia se escribe arredor do Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo coas falsidades do PSdeG, o BNG e As Mareas-Podemos”.
“Este hospital público é todo o que desde a Xunta e o PPdeG dixemos que ía a ser, ou incluso mellor, pero a oposición segue instalada na negación ao hospital e ao seu sistema de xestión, que para nada é máis caro para os galegos”, incidiu.
Teresa Egerique insistiu que a asistencia sanitaria que se presta no Álvaro Cunqueiro “é totalmente pública, porque este hospital corresponde ao Sergas o 100% do dereito de propiedade”. “Queremos que os galegos, e máis en concreto os vigueses, estean orgullosos de pagar unha sanidade de tanta calidade cos seus impostos”, manifestou a deputada popular, quen engadiu que “a externalización de moitos servizos non tería por que ser cuestionada cando os partidos da oposición empregan ese sistema en todas as administracións nas que gobernan”.
COMPROMISO FIRME E CLARO DO PPDEG
Na súa intervención, Egerique concretou que a oposición “insiste en catro cousas que non son certas: o número de camas, sabendo que hai capacidade para máis de 1.000; o proxecto, que nunca se modificou; o orzamento, no que é necesario diferenciar o presupostado, o licitado e o contratado, ademais do que se destina a equipamento ou mobiliario; e a titularidade pública do Álvaro Cunqueiro, sustentado na Lei estatal de contratos do sector público”.
“Vigo necesitaba un novo hospital público e un dos compromisos firme e claro do Partido Popular nas eleccións que ganamos en 2009 era facer realidade esta obra, a pesar dunha crise que se aventuraba e a minoración no montante dos orzamentos en Galicia”, lembrou. Deste xeito, engadiu que “pasamos das maquetas ás obras, loitando contra a campaña de mentiras e falsidades arredor do novo hospital de Vigo por parte dos grupos da oposición, que xeraron moita confusión, pero o tempo da e quita razóns”.
Teresa Egerique lamentou que “as primeiras trabas, boicots e mentiras foron do propio Concello de Vigo e, se fose polos socialistas e Abel Caballero, Vigo non tería hoxe un novo hospital público”. “Pero é que, unha vez construído o hospital, o alcalde de Vigo negoulle a auga, negoulle a luz e negoulle os accesos, ata o punto de que a estrada municipal de acceso ao hospital público está en moi mal estado e non teñen adaptado as liñas de transporte público municipal ás necesidades dos usuarios do hospital”, sinalou