Santiago, 10 de xuño de 2022.- A Presidenta da Comisión 4ª do Parlamento de Galicia, Teresa Egerique, lamenta o desagradable episodio protagonizado por BNG e PSdeG na sesión celebrada hoxe desta comisión, logo da súa decisión de acumular sendas iniciativas do Grupo Popular e do BNG ao considerar que se trataban asuntos “conexos entre si”, acolléndose ao recollido nos artigos 78.2 e 162.2 do Regulamento do Parlamento.
Teresa Egerique lembra que na tarde de onte remitiu un correo electrónico aos voceiros dos tres grupos parlamentarios comunicándolles a decisión de realizar o debate conxunto destas dúas iniciativas, acolléndose á súa facultade recollida nos artigos 78.2 e 162.2.
Neste sentido, a Presidenta da Comisión 4ª agarda que a situación vivida hoxe sexa un caso puntual e anima aos grupos da oposición a manter as formas durante o debate dos asuntos e respectar as normas do Parlamento galego.