Extensión do protocolo de xestión integral da demanda en equipo (XIDE) a todos os centros de atención primaria
Desde hai anos a Xunta de Galicia traballa para avanzar na reforma da atención primaria, fundamentalmente baseándose en dúas estratexias, o Plan de Atención Primaria 2019-2021 e o documento por unha atención primaria vertebradora do sistema de saúde.
O obxectivo é que tomando as medidas precisas, a atención primaria pase a ser o eixo vertebrador do sistema sanitario público galego. Para iso, unha cuestión fundamental pasar por mellorar a accesibilidade aos centros e aos profesionais, así como establecer melloras na xestión da demanda.
A Consellería de Sanidade puxo en marcha o pasado ano o sistema CRM100 que funciona ata o momento en 40 centros de saúde e que permite xestionar con rapidez, e resolver en moitos casos por anticipado, as chamadas dos pacientes. A intención da Xunta e estendelo a todos os centros que o requiran ao longo deste ano.
Paralelamente iniciouse tamén a pilotaxe dun protocolo de xestión integral da demanda en equipo, coñecido como XIDE. Comezou en dous servizos de primaria, o de Culleredo e o de Illas Canarias en Lugo. Deseñouse con profesionais sanitarios un algoritmo con 451 motivos de consulta para que fose utilizado polo persoal administrativo dos centros, comprobouse que respondían a demanda real e identificáronse os mais frecuentes. Isto vai permitir axilizar a atención de todas as consultas, posibilitando a derivación directa ao profesionais máis axeitado á demanda do paciente e priorizando os motivos que o sistema deseñado por profesionais sanitarios identifica como de consulta inmediata ou no mesmo día.
Este proxecto foi xa presentado a todos os axentes implicados, dende os representantes dos traballadores na mesa sectorial ata colexios profesionais, sociedades científicas ou o Consello Técnico de Atención Primaria sendo ben acollido por todos eles segundo teñen manifestado publicamente.
Por outra banda, un dos problemas común na atención primaria do sistema nacional de saúde é a falta de persoal. Para poder abordar este problema, a Consellería puxo en marcha novas medidas como a contratación de técnicos de saúde ou a creación da nova especialidade de facultativo especialista de atención primaria e a súa provisión excepcional mediante un concurso de méritos co obxecto de atraer aos residentes que rematan o seu MIR de familiar e comunitaria .
Non obstante, polo momento, mentres estas medidas non se materializan e mentres o Goberno de España non toma as que están na súa man para incrementar o número de especialistas de medicina familiar e comunitaria, todos os sistemas autonómicos de saúde teñen enormes dificultades de cobertura para determinadas vacantes, dada a inexistencia de profesionais dispoñibles, unha situación que os sindicatos coñecen pero que determinados discursos intentan obviar, trasladando a falsa impresión de que as baixas e ausencias non se cobren por falta de vontade da administración sanitaria.
Polo exposto, as deputadas e deputados do Grupo Parlamentario, presentamos a seguinte proposición non de lei en Pleno.
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1º- Estender a todos os centros de atención primaria de Galicia, ao longo do ano
2022, o protocolo de xestión integral da demanda en equipo (XIDE) no que se dirixen as consultas de xeito directo ao profesional máis axeitado á necesidade
do paciente, garantindo así a súa atención en tempos de resposta determinados segundo sexa a necesidade da consulta inmediata, no día ou ordinaria
2º- Ofrecer á poboación, a través da publicación periódica dos datos, información sobre a dispoñibilidade de profesionais médicos/as de familia e pediatras para a contratación no ámbito da atención primaria, desagregada por área ou distritos sanitarios.”
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-002681