O Presidente do PPdeG fixou como cometidos para esta lexislatura “blindar a estabilidade, lexislar con responsabilidade e traballar con unidade a prol do futuro de Galicia”
FEIJÓO FIXA UN PRAZO DE 48 HORAS PARA QUE OS DEPUTADOS POPULARES PROPOÑAN AS PERSOAS QUE REPRESENTEN AO PPDEG NA MESA DA CÁMARA E NA DIRECCIÓN DO GRUPO PARLAMENTARIO
• Salientou a renovación do Grupo Parlamentario, cunha terceira parte de deputados que ocupan un escano por primeira vez e case a metade non estaban en 2012
• Os 41 deputados asinaron un compromiso ético que vai “máis alá de cumprir escrupulosamente a legalidade e as obrigas parlamentarias”
Santiago, 18 de outubro de 2016.- O Presidente do PPdeG e do Grupo Parlamentario Popular, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que o grupo maioritario no Parlamento galego traballará na vindeira lexislatura co “cometido de blindar a estabilidade, lexislar con responsabilidade e traballar con unidade a prol do futuro de Galicia”. Respecto do nomeamento dos cargos institucionais no Parlamento e no Grupo Popular, Feijóo abriu un prazo de 48 horas para que os deputados do PPdeG propoñan as persoas que ao seu xuízo deben ocupar estes cargos na X lexislatura.
Ao remate da xuntanza mantida cos deputados que conforman o Grupo Popular, Feijóo explicou que “somos 41 galegas e galegos con diferente formación e traxectorias profesionais, pero que agora compartimos unha misión común: traballar por e para Galicia”. Neste sentido, apuntou que “unha terceira parte dos deputados do Grupo Parlamentario ocupan un escano por primeira vez e case a metade non estaban na mesma reunión que mantivemos en novembro de 2012, ao inicio da pasada lexislatura”.
“Traballaremos para que esta Cámara non contribúa a desprestixiar a política, para que o Parlamento galego encarne os mellores valores do servizo público e para que os cidadáns perciban que non estamos aquí para darlles problemas, senón para achegar solucións”, manifestou.
GARANTIR A ESTABILIDADE
O Presidente do PPdeG engadiu que “queremos que esta lexislatura sexa útil para Galicia, que garanta a estabilidade necesaria para que as galegas e os galegos poidan encargarse do verdadeiramente importante: do benestar dos seus e do progreso do país”. “Somos o único grupo parlamentario maioritario nos 17 parlamentos autonómicos e, en consecuencia, temos que garantir a estabilidade política de Galicia durante os vindeiros catro anos: Galicia será unha comunidade autónoma estable, cun grupo parlamentario estable, cun goberno estable e cun Presidente estable”, afirmou.
Neste sentido, amosou a súa esperanza en que nestes catro anos haxa unha oposición “construtiva e responsable, que traslade con eficacia a voz das persoas que optaron por outras opcións políticas”. “Como fixemos na pasada lexislatura, estamos dispostos a dialogar, a buscar consensos e a chegar a acordos, porque as mans tendidas sempre foron máis útiles que as trincheiras”, apuntou.
Respecto das persoas que ocuparán os cargos institucionais do PPdeG na Mesa do Parlamento e na portavocía e viceportavocías do Grupo Parlamentario, Feijóo fixou un prazo de 48 horas para que as deputadas e deputados lle trasladen a súa opinión e as súas preferencias. “Tendo en conta esas 40 opinións e máis a miña propia, proporemos as persoas que, ao noso xuízo, deben ocupar eses cargos na X lexislatura do Parlamento galego”, dixo.
COMPROMISO ÉTICO
Por último, Feijóo explicou que os deputados do Grupo Popular asinaron hoxe un compromiso ético, do mesmo xeito que fixeran no 2012, que recolle unha serie de obrigas e compromisos. “Non nos conformamos con que os nosos deputados cumpran escrupulosamente a legalidade e as obrigas parlamentarias, senón que teñen que ir un paso máis alá e adecuarse ás máis estritas esixencias éticas”, manifestou.
Entre as medidas que figuran neste compromiso ético está non realizar ningunha actividade que poida danar a imaxe do Parlamento; separar decididamente as actuacións do ámbito público das do ámbito privado; empregar de xeito responsable os medios materiais que facilita a Cámara; poñer a acta a disposición do partido en caso de adquirir a condición de investigado; ou cesar inmediatamente en caso de procesamento con calquera tipo de medidas cautelares. “Queremos que todos os galegos se poidan sentir orgullosos deste Parlamento e dos seus deputados”, sinalou.