A Coruña, 14 de setembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, participou hoxe nun acto sectorial na Coruña con autónomos, onde avanzou unha estratexia, contemplada no programa, que acompañe a estes traballadores nos vindeiros anos.
Unha das medidas que o candidato popular á Xunta anunciou é que en Galicia se comprometen a que a tarifa plana de 50 euros ao mes na Seguridade Social para os autónomos sexa un ano máis que a tarifa que exista en cada momento no territorio español. Deste xeito, a comunidade financiará esta tarifa durante 12 meses máis.
Así mesmo, apuntou que este ten que ser o territorio onde máis se protexan aos autónomos de todo o país. Deste modo, o compromiso é que en calquera comunidade onde haxa unha proposta mellor que as do Goberno central “Galicia equiparará, igualará ou superará calquera mellora, axuda ou recoñecemento aos autónomos”.
Outra das propostas que destacou o presidente foi que os populares traballarán para que o Goberno central cambie a normativa, de forma que se lle devolva o céntimo sanitario aos empregados autónomos que conforman o sector do transporte.
En canto á conciliación, Feijóo anunciou que o PPdeG propón ampliar en 16 semanas adicionais a bonificación para conciliar tras unha baixa por maternidade ou paternidade, é dicir, as nais ou pais que esgoten a baixa das 16 semanas iniciais pero que desexen continuala a tempo completo ou a tempo parcial para seguir disfrutando da súa filla ou fillo e que durante ese período contraten ou non a outra persoa terán a mesma axuda para asumir o 100 % das cotas á Seguridade Social.
Como outras medidas salientables, Feijóo apuntou que continuarán as axudas aos autónomos para formación; que se abrirá o Programa de remuda xeracional; que se poñerá en marcha un Bono Autónomo, cargado con 2.000 euros, para dedicar a aquelas actuacións estratéxicas que melloren súa posición no mercado; ou os compromisos para subvencionar a contratación do segundo e do terceiro autónomo.
A IMPORTANCIA DOS TRABALLADORES AUTÓNOMOS
O líder dos populares galegos fixo fincapé no peso cuantitativo e cualitativo que teñen os traballadores autónomos na comunidade. De feito, Galicia é a autonomía na que o emprego autónomo ten un maior peso relativo e unha das comunidades onde ten unha maior estabilidade, toda vez que case 6 de cada 10 empregos autónomos teñen unha antigüidade superior a 5 anos. No resto de España, esta porcentaxe é inferior.
O presidente recordou que a política económica que se practicou nos últimos anos serviu para mellorar as condicións dos autónomos aínda que non son suficientes e por iso os populares teñen ao compromiso de seguir apoiándoos.
Logo de salientar que máis de 226.000 mil galegos son autónomos, Feijóo incidiu en que nesta lexislatura investíronse 265 millóns de euros para este colectivo, cifras que considera vale a pena ter en conta xa que tamén “durante os anos da recesión Galicia estivo atenta ás dificultades dos autónomos”.