17, novembro, 2018. Durante o tradicional magosto do PP de Ourense, o presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, dixo que Jesús Vázquez é o mellor alcalde das cidades galegas, xa que demostra con feitos que a súa cidade esta por riba de todo: “Ao que se dedica é a servir aos seus veciños e non a andar ás intrigas de partido como fan os da provincia da Coruña; porque foi o alcalde que elixiron os veciños, a diferenza de Lugo; e porque exerce con humildade, a diferenza dos da provincia de Pontevedra”.
O líder do PPdeG apuntou que Ourense ten a “peor das oposicións”: a que pon trabas a toda iniciativa que beneficie á cidade; a que é máis coñecida polos seus espectáculos que por ter aportados ideas e propostas; e a que celebra cando algo non pode ir adiante e se contraria cando se avanza.
JESÚS VÁZQUEZ, O CANDIDATO DE TODA A CIDADE
O presidente dos populares galegos indicou que, se hai tres anos Jesús Vázquez se presentaba como candidato do PP á alcaldía, hoxe é “o candidato de toda unha cidade” que é a súa prioridade: “Ourense primeiro –continuou- cando decidiches deixar de ser conselleiro para traer a ilusión á túa cidade e desde o primeiro día que chegaches á Alcaldía”.
Para Feijóo, as vindeiras eleccións municipais van máis aló dunha cuestión de partidos, xa que ou é “a opción dos ourensáns que queren a Ourense ou é a dos que teñen demostrado todo o contrario”. “É Jesús Vázquez –engadiu-, un alcalde de todos os ourensáns, ou é a oposición á cidade”. Neste senso, apuntou que o obxectivo é que o impulso que a cidade colleu hai mais de tres anos non pare e que todo o logrado non leve ao conformismo: “O reto é superar os nosos resultados e, sobre todo, os atrancos que esta cidade ten que sortear”. Para conseguilo, dixo que o PP ten o necesario: a súa xente, motivación, un partido unido e a Jesús Vázquez.
“UN ALCALDE ESIXENTE”
O líder do PPdeG salientou que Jesús Vázquez é “un alcalde esixente como hai que ser esixente: con argumentos, con propostas, con proxectos, con rigor e sempre antepoñendo o interese xeral”, algo que Feijóo puido comprobar na última reunión que mantiveron ambos os dous na Xunta de Galicia. “É un alcalde que vai en nome de todos os ourensáns, non en nome dos afiliados do seu partido; e que sabe que a súa cidade está por riba de todo”, apuntou.
Neste senso, indicou que, grazas a este compromiso e ao entendemento entre concello e Xunta, hoxe Ourense conta cun centro interxeracional; co Campus da Auga, o primeiro campus periférico especializado de Galicia; cun hospital público ampliado e que pon a tecnoloxía máis innovadora ao servizo do paciente; e que contará tamén cunha estación intermodal. Por iso, o presidente dos populares galegos destacou que para que Ourense avance, a opción é Jesús Vázquez: “Non hai alternativa. Porque non a hai en quen fixo pouco cando gobernou e tentou que non se fixera nada cando estivo na oposición”.