“Acudamos a votar para que non poidan decidir por nós, e para que sexa imposible que volvan bloquear o noso país”, apunta
Feijóo di que de Rajoy un sabe que pode esperar emprego, moderación e goberno ante partidos sen criterio que xeran indecisión
• Asegura que canto máis se disperse o voto, máis se vai difuminar a posibilidade de ter un presidente libre para tomar decisións que beneficien aos intereses xerais
Sanxenxo, 11 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que, con Mariano Rajoy, un si sabe o que fará, que é emprego; o que pode esperar, que é moderación; e o que pode ofrecer, un goberno.
Así se expresaba no mitin celebrado hoxe en Sanxenxo, onde estivo acompañado pola candidata número un ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Ana Pastor, e polo presidente provincial, Alfonso Rueda.
O dirixente popular recoñeceu que estas eleccións son un fracaso logo de que non se respectara “o que é a esencia da democracia”. Nese sentido, apuntou que a xente non entende para que se votou en decembro, por que non valeu seu voto, por que o PSOE se move entre a irracionalidade de entregarse a Podemos ou “marear a perdiz”, ou por que Ciudadanos se prestou ao teatro tras dicir que ía deixar que gobernara o partido máis votado.
Así mesmo, insistiu que toda esa xente ten unha opción de moderación en Rajoy, engadindo que non hai razóns para quedar na casa, “non hai máis razón que para superar a indecisión”.
Feijóo tamén admitiu que é lóxica esta indecisión porque, despois do visto, un non sabe a que aterse, cun PSOE que demostrou non ter criterio e con Ciudadanos que fai o contrario do que se espera.
“Pedimos a confianza da xente para falar do que se necesita, que é emprego”, aseguraba ao tempo que indicaba que os populares tamén queren falar de política, economía, da familia, de Galicia e de España.
O líder do PPdeG apuntou tamén que o resultado de decembro non era algo novo senón que o novo foi o nivel de irresponsabilidade dos partidos que impediron que gobernara o partido que gañou as eleccións.
Por este motivo, falou da importancia de estar á altura para que non volva ocorrer o que pasou en España nos últimos seis meses, apuntando que non nos debemos deixar levar polo desanimo derivado da situación actual. “Acudamos a votar para que non poidan decidir por nós, e para que sexa imposible que volvan bloquear o noso país”, dixo.
Así mesmo, salientou que o PP é o partido que mantivo as pensións blindadas, así como a sanidade pública e os servizos sociais. “Nunca diremos que todo o que fixemos foi perfecto pero nós supoñemos un goberno”, apuntou mentres recordaba que, cando a gobernabilidade depende dos outros partidos, hai desgoberno, parálise e novas eleccións.
“O país precisa de políticos que saiban da importancia que ten gobernar”, dixo facendo fincapé en que, canto máis se disperse o voto, máis se vai difuminar a posibilidade de ter un presidente libre para tomar decisións que beneficien aos intereses xerais.
ESPAÑA COMO GALICIA
“Eu non quero para Galicia o que ocorreu en España estes últimos seis meses”, aseverou o presidente mentres recordaba que a nosa comunidade estivo á marxe do sucedido no conxunto do país.
“Aos galegos non lle interesa paralizar Galicia, e por iso nós queremos seguir gobernando”, admitía Feijóo. Así mesmo, insistiu en que a irresponsabilidade o único que trae é a parálise mentres que con responsabilidades hai resultados.
Como exemplo disto, falou do traballo dos populares á fronte da Xunta, grazas ao que se logrou suprimir os impostos no medio rural, crear 5.000 prazas de gardería en época recesión ou construír hospitais.
“Eu elixo Galicia e España”, recoñeceu mentres explicaba que o que é bo para o país é bo para a nosa comunidade. Ante isto, recoñeceu que “para Galicia foi bo Rajoy” que “goberna España e pode levar a Galicia no corazón e nos orzamentos”.
O dirixente galego concluíu pedindo o voto pola gobernabilidade e non polo desgoberno. “Pido o voto para que non se perda nin un día máis desde o próximo 26 de xuño”, sentenciou.
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/5Jqi6QmlySw” frameborder=”0″ allowfullscreen ]