01, xullo, 2018. O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, clausurou este domingo o congreso local da formación en Lalín, no que resultou elixido José Crespo como presidente. “Despois dunha carreira tan extensa e frutífera, o común dos mortais tería perdido xa a motivación e estaría buscando un retiro tranquilo, pero Pepe Crespo non é unha persoa común: é un político extraordinario”, salientou.
Feijóo referiuse á súa experiencia en política municipal, autonómica e nacional, así como á súa capacidade de escoitar á veciñanza e “entender á perfección o que Lalín necesita”. “Pepe foino practicamente todo en política”: alcalde que transformou Lalín durante 25 anos, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, secretario de Organización do PPdeG e hoxe defende os intereses da nosa comunidade no Senado.
O presidente do PPdeG destacou que “as organizacións que funcionan ben non necesitan dar un xiro radical para afrontar o seu futuro”, polo que este congreso é un exemplo da combinación do “mellor da renovación” –ideas, equipos e ilusión- co “mellor da continuidade” –na experiencia, no arraigo na sociedade lalinesa e no liderado-.
Feijóo tamén tivo palabras para “o peso singular” que Lalín tivo na historia do PP de Galicia. Independentemente de que este concello xa non sexa considerado o centro xeográfico da nosa comunidade, o presidente Feijóo referiuse a el como “o quilómetro cero do Partido Popular de Galicia”, por manter unha “vitalidade envidiable” no presente da formación e seguir tendo moito que dicir no seu futuro. “Sairedes cunha forza renovada para seguir sendo o corazón deste gran partido”, dixo.
O PARTIDISMO DE PEDRO SÁNCHEZ
O presidente do PPdeG tamén fixo unha “merecida referencia” a Mariano Rajoy, de quen destacou o seu compromiso con Galicia: “Sempre a tivo moi presente na súa actividade como presidente do Goberno”.
Neste senso, recordou que para o que realmente serviu a moción de censura foi para reemprazar “un Goberno que nos sacou da peor crise económica da nosa Historia para situar no seu lugar ao Goberno máis débil da España constitucional”. É por iso que salientou que o Partido Popular debe aproveitar o Congreso Extraordinario para cargarse “de ilusión, de proxecto e de razóns para o cambio”. “Porque non teño dúbidas –engadiu Feijóo- de que o Goberno dos xestos e a imaxe de Pedro Sánchez non tardará en decepcionar aos cidadáns”.
“Nada me alegraría máis que o executivo de Sánchez demostrase ser útil para España e para o benestar dos españois, pero todo apunta que non vai ser así e que este Goberno só ten un obxectivo: ser útil aos intereses electorais do Partido Socialista”, indicou Feijóo.
O presidente dos populares galegos amosou a súa preocupación ante a posibilidade de novos atrasos no AVE galego, que dixo que contan coa “coartada do PSdeG”, e salientou que “Galicia non o permitirá”. “Se os meses de goberno de Pedro Sánchez van ser tan irresponsables, partidistas e contrarios aos intereses de Galicia como estas primeiras semanas, atoparanse enfronte ao PPdeG e á maioría dos galegos”, sinalou.
Para finalizar e coa mirada posta nas próximas municipais, Feijóo salientou que o 2018 é “un ano para escoitar e volver conectar coa xente que nos deixou de votar e coa que nunca nos votou”, porque “se temos éxito na renovación, o 2019 será un ano para gañar”.