Reivindica un modelo de “política á galega”, que defende o país e que busca resolver os problemas dos cidadáns e mellorar Galicia
O candidato á presidencia do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, fixo entrega das firmas coas que 6.119 afiliados o quixeron avalar para seguir traballando desde a Presidencia do partido, aos que manifestou o seu agradecemento. Neste sentido, aseverou que todo o seu compromiso, ilusión e experiencia están a disposición da súa formación e que se presenta “non polo que fixen, senón polo que queda por conseguir”.
Logo de asegurar que o PPdeG ten o corazón, a cabeza e os pés en Galicia, reivindicou un modelo de “política á galega”, que defende o país, que nada ten que envexar a ningún outro e que busca resolver os problemas dos cidadáns e mellorar a nosa Comunidade.
UN CONGRESO NO QUE GAÑE GALICIA
Feijóo explicou que o seu partido ten moitos desafíos que afrontar, entre os que se atopan servir desde as institucións á cidadanía -preparándose todos os días para conseguir a confianza dos galegos nas convocatorias electorais- e incrementar a súa presenza nas institucións, comezando pola clave local e provincial.
Deste modo, trala proclamación das candidaturas, comezarán unhas semanas nas que os populares falarán de propostas de futuro e escoitarán as inquedanzas que lles acheguen os afiliados. De feito, malia que se trata dunha campaña interna máis reducida, avanzou que quere visitar as catro provincias para presentar o seu proxecto político, agardando que este sexa un período de reactivación, produtivo e ilusionante para poder configurar un proxecto competitivo cuxo seguinte reto electoral son as eleccións municipais.
Ademais, aclarou que no 17º Congreso do PPdeG non vai haber perdedores, senón que o obxectivo é que a única vencedora sexa Galicia, pois as noticias serán as propostas e non as disputas, e discutirase sobre ideas e non sobre persoas.
O PPdeG, MÁIS NECESARIO QUE NUNCA
En declaracións aos medios, o candidato precisou que o seu partido é máis necesario que nunca ante un BNG cada vez máis radical e separatista e ante un PSdeG cada vez máis desdibuxado e balbuceante.
Sobre isto, lamentou que estas semanas se puidese comprobar que as demais formacións políticas galegas están máis interesados en Cataluña que na nosa Autonomía. Nese senso, afeou que os socialistas se dediquen a cubrir as contradicións de Pedro Sánchez e a súa relación de sumisión aos intereses dos partidos independentistas catalás, mentres os nacionalistas invitan a Gabriel Rufián a Galicia para intentar copiar o modelo rupturista e independentista de ERC.
Fronte aos que cren que hai que tomar exemplo do acontecido en Cataluña, Feijóo resaltou que os populares defenden unha política que une á sociedade e que crea emprego, engadindo que cren na concordia constitucional e na igualdade ante a Lei, non na ruptura ou no desprestixio das nosas institucións.