O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo asegurou, esta mañá, que “mentres outros partidos practican con esmero a eliminación xeracional, no PPdeG preferimos o relevo xeracional”. E é que tal e como apuntou o presidente dos populares galegos, ser “unha ponte entre xeracións é a única maneira de garantir que este partido sexa o que máis se parece a Galicia durante moitas décadas máis”.
Nunha homenaxe a máis de cen alcaldes e concelleiros falecidos da provincia de Pontevedra, salientou que o PPdeG combina a experiencia o saber facer dos máis veteranos coa ilusión e a frescura dos que acaban de chegar: “Entre os novos e os vellos non debe haber murallas, senón comunicación fluída; entre o pasado e o futuro non debe haber ruptura, senón evolución; e entre os máis veteranos e os que se incorporan agora non deben existir receos, senón un intercambio de experiencias e ideas que beneficie a todos”.
“Porque somos un partido con vocación de futuro, somos un partido que non esquece o seu pasado”, indicou Feijóo, quen engadiu, ademais, que deste xeito tampouco esquecemos “as persoas que nos trouxeron ata aquí, porque elas encheron de ideas, de significado e de vigor as siglas do Partido Popular de Galicia”.
EXEMPLO E INSPIRACIÓN
Tal e como salientou o presidente, o acto foi un recoñecemento “aos que nos fixeron grandes” e aos que hoxe serven de exemplo e inspiración ao Partido Popular de Galicia. “Na traxectoria dos homenaxeados está a historia deste partido, que se converteu na opción preferida dos galegos, grazas ao esforzo de persoas coma eles”, salientou Feijóo.
O líder dos populares galegos sinalou que, mentres no PPdeG é posible facer un acto coma este, noutros partidos non, xa que ou ben os homenaxeados levan anos “purgados por un whatsapp do líder”, porque pertencen a unha facción oposta ou a unha escisión, ou porque simplemente non os teñen ao ser formacións que xurdiron tras ler unhas enquisas que lles foron favorables.
Do mesmo xeito, referiuse a que, a diferenza doutras formacións que presumen de non ter pasado, para o PPdeG “recoller a testemuña doutros é un honor, dispoñer dun balance e unha traxectoria é a mellor carta de presentación ante os veciños e ser membros dun partido con 40 anos de historia é o maior dos orgullos”.
FRONTE AOS EXPERIMENTOS, FIABILIDADE
Asegurou que o Partido Popular é un partido estable, responsable e no que se pode confiar: “Fronte aos experimentos, destaquemos a nosa fiabilidade; fronte aos bandazos e cambios de opinión, presentemos unha traxectoria coherente e consistente; e fronte aos que presumen de non ter pasado, recordemos que miramos máis lonxe porque imos subidos a ombros de xigantes”, dixo.
Para finalizar, apelou á unidade, ao respecto e ao traballo diario como a fórmula para presentar “proxectos atractivos, útiles e gañadores” para construír unha Galicia mellor. Así mesmo destacou que, na política debe ser unha constante revalidar cada día a confianza dos veciños, elaborar novas propostas e traballar para que Galicia avance.