“Non podemos deixar á sorte, a carambolas ou a pactos un futuro tan difícil que temos que encarar con certezas”
O Presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou hoxe que “se confiades neste goberno con experiencia, con programa e xestión acreditada, e se confiades en min como presidente, pídovos que non deades nada por feito e vaiades votar o vindeiro domingo 12 de xullo”.
Feijóo insistiu na importancia de votar o vindeiro 12 de xullo, lembrando que todo está preparado para facelo con total tranquilidade. “É importante votar porque é importante o que toda Galicia temos por diante, e non podemos deixar á sorte, a carambolas ou a pactos un futuro tan difícil que temos que encarar con certezas”, dixo.
GOBERNO UNIDO E CON PROGRAMA
“Non deamos nada por feito, porque se o vindeiro 12 de xullo non votamos gana o multipartito e saímos perdendo todos os galegos”, alertou. Deste xeito, pediu o voto co aval do feito nestes anos, para poder abordar todo o que hai que facer durante a vindeira lexislatura, para unha Galicia na que se poida confiar, estable, que vaia unida cara adiante e non se fragmente, como pasa noutros lugares de España.
Na súa intervención, asegurou que non é bo para Galicia un goberno que renuncia aos seus compromisos só para poder ser goberno, que non se entende entre si, que non ten programa e que ten que improvisar un ao día seguinte das eleccións. “O que é bo para Galicia é un goberno unido, cun programa para aplicar desde o primeiro día, que resolva problemas en lugar de crealos e que goberne”, sinalou.
Así, propuxo completar a renovación da sanidade pública que funcionou esta pandemia, coa renovación dos hospitais públicos e a incorporación de novos servizos; que se supere a educación que está obtendo os mellores resultados da súa historia; e seguir aprobando novas medidas de respaldo ás nais e aos pais galegos.
Nun acto electoral celebrado en Oleiros, avanzou o compromiso de estender ás escolas infantís municipais a gratuidade da que xa gozan as demais familias con nenas e nenos de 0 a 3 anos para o segundo fillo e sucesivos, para o que será necesario que os concellos adapten canto antes as súas ordenanzas de xeito que a Xunta poida facerse cargo deste gasto.
“Con todo, o que nos propoñemos é que Galicia vaia cara un maior benestar, cara a recuperación, o crecemento e a creación de emprego”, concretou.
NON FALLAR NUNCA A GALICIA
Para rematar, Feijóo recoñeceu que “non vou acertar sempre, pero si digo que non vou fallar a Galicia nunca”. Neste sentido, pediu o voto necesario para que Galicia teña unha Xunta e un presidente libres para só ter que cumprir os seus compromisos e obrigas cos galegos.
O Presidente do PPdeG afirmou que “o noso vai máis aló do proxecto dun partido ou dunhas siglas, porque é un proxecto para toda Galicia e un proxecto no que caben todos os galegos”. Ademais, salientou que “sabemos o que é gobernar e enfrontarse a dificultades de todo tipo, tanto económicas como sanitarias”, polo que apuntou que “os galegos saben que se confían en nós, o seu voto acaba nun Goberno, nun programa e en xestión”.