Viveiro, 17 de setembro de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu o voto a todos os que din si ás prioridades de Galicia máis aló de prexuízos, siglas, partidos e ideoloxías.
Deste xeito, o candidato popular á presidencia da Xunta, que participou nun mitin en Viveiro, solicitou o voto “para unha Galicia que di si”, dirixíndose a todos os que queren moito máis que elixir un partido ou outro, que lles importa máis que o país funcione, que haxa máis oportunidades, que as cousas marchen, e non simplemente quen derrota a quen.
“A todos eses galegos que, a pesar das diferenzas que poida haber, coinciden comigo en que hai dúas prioridades e din si ao benestar dos fogares e din si ao progreso do país”, insistiu.
“Se me votan, eu responderei e se non me votan tamén lles direi algo: gobernarei para todos e o que fagamos todos xuntos tamén será positivo para eles”, afirmou o presidente.
Feijóo tamén cuestionou a aqueles que din que os populares esconden as siglas. “Hai alguén que non saiba por que partido me presento? Algún dos que estades aquí non sabedes que estades nun mitin e que estamos pedindo o voto?”, preguntouse.
Nese senso, advertiu que, malia que todo o que os partidos da oposición propoñen para Galicia consiste en ir contra Feijóo e todo o reducen a unha cuestión de siglas, partidos e enfrontarse os uns cos outros; Galicia é moito máis.
O dirixente puxo en valor así que baixar o paro e os impostos; garantir e aumentar os servizos públicos; e apoiar ás familias é moito máis que só bo para unhas siglas. “Son obxectivos comúns para todos os galegos”, manifestou.
Deste modo, incidiu en que unicamente os populares teñen un proxecto que pode garantir todo isto xa que é máis que unhas siglas: “é experiencia, é programa, é estabilidade, é responsabilidade; e para quen é bo é para Galicia”.
EN GALICIA SI
Durante a súa intervención, o número un do PPdeG apuntou que algúns queren reducilo todo a unha cuestión de partidos “porque saben que unha grande maioría de Galicia está cansa de que todo sempre se teña que reducir a unha cuestión de partidos”.
Ademais, precisou que hai moitos cidadáns que noutras eleccións votaron PSOE e que non entenden o que está a facer o seu partido, “nin bloqueando España, nin renunciando á moderación en Galicia”.
Igualmente, dixo que tamén hai moitos cidadáns que noutras eleccións votaron Ciudadanos e que saben que a vía que defende os seus intereses nestas eleccións está noutra papeleta.
Feijóo expresou que, despois de todo o que custou chegar ata aquí; de ver como están noutras Comunidades, en líos que non precisamos importar; e destes nove meses de bloqueo e parálise, “son moitos os galegos que non queremos dicir simplemente PP, Ciudadanos, Podemos, PSOE, BNG ou Esquerda Unida. Queremos dicir moito máis nas urnas”.
E é que, tal e como recoñeceu, “queremos dicir que xa está ben de frivolidades, que a nosa terra é outra cousa, que non queremos pararnos e queremos dicir: en Galicia si”.
Para rematar, o presidente lembrou que xa se superou a metade da campaña e que o único que din todas as enquisas é que “se os galegos queremos unidade, estabilidade e responsabilidade” é posible en Galicia. Por iso, pediu unir forzas e non dispersarse para que cada voto conte e sexa aínda máis útil.
Así mesmo, advertiu que “España ten que tomar o camiño de Galicia e non Galicia o de España”, asegurando que queda moito por facer e que o hai que seguir facendo. “Vaiamos a votar o domingo 25 para que o luns 26 sexa un día de traballo para a Xunta e non un día de bloqueo e de subasta”, sentenciou.