A Coruña, 14 de xuño de 2016.- O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe o voto responsable para aqueles que se mollan por España e son garantía de esperanza, porque hoxe hai máis esperanza que hai catro anos, fronte a aqueles que, por vagancia ou inoperancia, nunca chegarán a nada e só son garantía de frustración, porque hoxe hai máis frustración alá onde gobernan.
Así se expresaba o líder dos populares galegos nun encontro sobre economía e emprego organizado na capital coruñesa, onde asistiu acompañado do candidato ao Congreso pola provincia da Coruña, Miguel Lorenzo, e polo presidente provincial, Diego Calvo.
Como lembrou Feijóo, só hai dúas alternativas: un goberno presidido pola maioría das persoas que apostan por unha política rigorosa, realista e responsable; ou un Goberno secuestrado polas minorías e incapaz de evitar una nova frustración na cidadanía.
A EXPERIENCIA DO PP EN ESPAÑA E EN GALICIA
Máis polo miúdo, o presidente do PPdeG analizou as dúas opcións e, sobre a primeira, lembrou que, entre a España na que crecía o paro máis que en ningún sitio de Europa e a España de hoxe, que é a que máis crece na Unión, o que pasou é que houbo un novo Goberno que fixo posible o cambio de ciclo. “Traballamos a favor de España, contra a presión de Europa e contra a presión da oposición”, subliñou.
Segundo engadiu, o balance do Goberno do PP en España resúmese en máis emprego, crecemento económico, menos impostos, máis esperanza, máis credibilidade internacional e pensións garantidas.
No que atinxe á xestión do PPdeG na comunidade, Feijóo destacou que, como en Galicia hai estabilidade, a economía vai medrar máis do previsto (ata un 2,8%) e máis que en España (2,7%), e tamén o paro vai reducirse algo máis do estimado inicialmente (ata o 17%).
Do mesmo xeito, o líder do PPdeG destacou que Galicia logrou novos proxectos para os sectores estratéxicos e abriuse a novos sectores. Ademais, puxo en valor o progreso e as axudas aos emprendedores, que poden producir máis, innovar máis e exportar máis, tal e como indican os indicadores macroeconómicos.
Do mesmo xeito, lembrou que a recadación fiscal en Galicia é a terceira máis alta en España no que vai de ano e que foi quen de aprobar uns orzamentos autonómicos para o 2016 que baixan e mesmo eliminan impostos e manteñen o esforzo para que Galicia poida seguir sendo a comunidade que máis inviste en toda España.
Ademais, grazas á responsabilidade do Goberno galego cos obxectivos do déficit nos últimos anos, Galicia conta hoxe cun superávit de responsabilidade que fai posible destinar 50 millóns aos nenos e aos mozos, 60 á sanidade pública e a axudas para as vivendas das familias, case 30 a actuacións de dinamización do emprego, e preto de 20 ao medio rural.
Por outra banda, como nesta comunidade non hai bloqueo nin parálise nin aventuras estériles como noutras autonomías, Galicia non ten nada que envexar de ningún outro lugar do Estado, mentres que España ten moitas cousas que imitar desta terra.
A EXPERIENCIA DOUTRA ALTERNATIVA
Con respecto á outra alternativa, a de reproducir a nivel estatal os pactos que permitiron a Podemos mandar en distintas corporacións locais e parlamentos autonómicos no último ano, Feijóo lamentou as consecuencias dos mesmos. Por exemplo, lembrou que nalgúns lugares os orzamentos locais aprobáronse con retraso e non se poderán executar ou, directamente, non se aprobaron como no caso de Ferrol.
Nesta liña, citou outras promesas incumpridas, como o rigor nas contas ou a estabilidade, cando o único estable que lograron son as pelexas continuas co PSOE; ou facer política para a xente, cando gastan máis recursos en aproveitar actos públicos para convertelos en mitins.
O líder dos populares galegos fixo balance doutros fracasos destas formacións e lamentou que, por exemplo, na Coruña esta será a primeira vez en 10 anos que os mozos non van poder disfrutar do Programa de Becas USA; que en Ferrol se incrementase o tempo de espera para as axudas de emerxencia social; ou que en Santiago se reducisen as axudas para Cáritas ou para o Proxecto Home ou se lle retirase ao Banco de Alimentos.
Segundo concluíu Feijóo, non teñen proxecto nin rumbo e serán recordados como aqueles que o prometeron absolutamente todo e que, cando tiveron a súa oportunidade, non fixeron absolutamente nada. Neste senso, asegurou que “hai algo moito peor que executar nun país un proxecto equivocado, e é dicirlle a xente que es capaz de calquera cousa cando despois, non sabes ou non podes facer nada”.
[iframe width=”600″ height=”350″ src=”https://www.youtube.com/embed/THhIamerQRM” frameborder=”0″ allowfullscreen ]