O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe o voto dos galegos e galegas para continuar cunha Xunta experimentada, que leva 11 anos xestionando, fronte a un multipartito que non sabe nin pode dicir quen levaría a Consellería de Sanidade ou a de Economía.
Así, durante un mitin en Lugo, Feijóo manifestou que se os galegos confían no PPdeG o vindeiro 12 de xullo Galicia terá unha Xunta que actúa desde o primeiro momento, que non perderá o tempo en subastas de consellerías; e que conta coa experiencia e a capacidade de xestión necesarias ante as incertezas sanitarias e económicas.
SABER O QUE HAI QUE FACER
Segundo Feijóo, é tempo de experiencia e non de experimentos; de respostas coordinadas e non dun multipartito; de xestión e non de meras declaracións; de responsabilidade e non de demagoxias; de aportar certezas e non de máis incógnitas”, indicou o Feijóo, quen incidiu en que, o luns, Galicia ten que seguir funcionando e tomando as decisións necesarias para preservar a saúde dos galegos: “É tempo de non perder o tempo”.
Así mesmo, salientou que a resposta ante o futuro ten que ser unha Galicia unida e non fragmentada coa suma de 10 partidos, tres ideoloxías e 4 candidatos pelexando cada día por ver quen manda máis. En definitiva, dixo que co PPdeG “Galicia ten unha garantía de xestión, de estabilidade e de certezas”, na que se resolvan problemas e non se parta nin se reparta entre dez partidos. “Pídovos o voto para un presidente libre, que só se deba aos galegos, e para un goberno que goberne”, engadiu.
UNHA DAS MELLORES RESPOSTAS AO CORONAVIRUS
Na súa intervención, Feijóo asegurou que, ante o reto da pandemia do coronavirus, a sanidade pública galega deu unha das mellores respostas. Por este motivo, avogou porque esa responsabilidade, esa xestión e esa resposta ten que continuar a partir do luns. “Uns falan, nós facemos; uns prometen -como con Alcoa-, nós cumprimos; uns só saben criticar, nós actuamos”, apuntou Feijóo.
“Estamos en mans responsables e Galicia non pode permitirse que esas mans se empreguen para pulsos dentro dun multipartito imposible”, salientou. Así, fixo fincapé en que as autoridades e profesionais sanitarios de Galicia lideraron unha resposta efectiva contra a pandemia e que ese mesmo equipo que preservou a saúde dos galegos é o que queremos que siga traballando a partir do 13 de xullo.
Por outra banda, incidiu en que “os colexios electorais son lugares 100% seguros”, dixo Feijóo, quen advertiu dos que pretenden meter medo e non queren que se vote. Porén, animou ir votar para que “ninguén decida por ti”.
ALCOA: A XUNTA FAI A SÚA PARTE OU MÁIS SE É PRECISO
Respecto da situación que vive a factoría de Alcoa na Mariña, lamentou que o Executivo central leve dous anos buscando escusas e culpables, en lugar de atopar solucións. Segundo Feijóo, se o Goberno de España tivese a mesma actitude que a Xunta, hoxe o problema de Alcoa estaría resolto.
Diante desta situación, asegurou que “o único que non cambiou fun eu”, o mesmo presidente da Xunta co que os empregos da Mariña se mantiveron durante 11 anos con gobernos do PP e do PSOE en Madrid: “Non imos aceptar que veña o multipartito a dicir que non defendemos os intereses de Galicia, cando son eles os que destrúen a industria galega”.
Así mesmo, apuntou que isto mesmo serve para falar de Alcoa, do AVE, da autovía Santiago-Lugo, do naval, da central das Pontes, da débeda do IVE ou do financiamento autonómico. Por iso, pediu o voto por “unha Xunta que cumpre cos seus compromisos”.