16, maio, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que o voto ao Partido Popular é “un voto transparente” a un goberno que goberna, ante un PSOE que entrega sempre que pode os concellos ás Mareas e ao BNG: “Tanto monta, monta tanto, PSOE con Mareas e BNG como as Mareas con PSOE e BNG”.
Dixo que o único modo de que as alcaldías non se repartan entre nacionalistas, populistas e o PSOE é votando ao Partido Popular. E é que, tal e como salientou, aínda que Pedro Sánchez non vai dicir con quen vai pactar ata despois das Municipais, votar PSOE é votar ás Mareas e ao BNG nos gobernos dos concellos. Por iso, Feijóo fixo fincapé en que o único xeito de evitar que isto suceda é apoiando de forma maioritaria e unida nas urnas aos candidatos do Partido Popular, xa que só nos concellos gobernados polo PP hai gobernos para todos e libres.
Neste senso, referiuse a que, o pasado 28 de abril, as urnas explicaron o que acontecía cando os españois dividen o seu voto e incidiu en que, se a maioría de votantes de Ciudadanos e Vox tiveran unido o seu voto no PP, hoxe habería outro Goberno de España e unha maioría do Partido Popular no Congreso e no Senado. “E estaríamos falando de creación de emprego e recuperación económica”, apuntou Feijóo, quen aproveitou para destacar que as portas do partido están abertas a todos estes votantes e, tamén, aproveitou para facer un chamamento a non repetir o erro de dividir o voto.
Así mesmo, fixo fincapé en que nas Municipais se escolle máis que unha ideoloxía ou unhas siglas, senón a un veciño que mire polo seu concello, con experiencia, con proxecto e que non teña máis compromiso que o seu concello. Por iso, avogou por unir o voto no Partido Popular, para así unha maioría de veciños poidan saír gañando cun mellor programa, cunha mellor xestión e con mellores políticas.
UN EQUIPO PARA TRAER O CAMBIO A PORRIÑO
Durante un mitin no Porriño, o líder do PPdeG salientou que Alejandro Lorenzo conta cun equipo preparado, ilusionado e comprometido con traer o cambio a Porriño, que, segundo dixo, non merece ser tratado como unha sucursal de Vigo nin estar baixo a tutela de ninguén, senón que necesita un proxecto propio e cun liderado forte.
Así, salientou que o municipio precisa dun goberno con Alejandro Lorenzo á súa fronte, para aproveitar todas as ocasións para crecer.
UN GOBERNO AO SERVIZO EXCLUSIVO DA GUARDA
Posteriormente, o presidente participou nun mitin na Guarda, no que destacou a determinación e o espírito gañador co que Roberto Carrera se puxo á fronte do partido, do que dixo que está renovado, reforzado e con toda a vontade para que este concello volva ser a referencia do Baixo Miño.
Así, sinalou que Carrera presenta o programa máis útil co que o concello, en lugar de estar sometido ao BNG e estancado polas leas internas do Executivo local, volverá estar en marcha e terá ilusión. Para rematar, apuntou que o Goberno galego seguirá impulsando o municipio, tal e como fixo xa co vial Tui-A Guarda, coa saída sur do porto ou coa senda A Guarda-Camposancos.