Di que Lugo precisa un cambio e gobernos que só lle pode dar o PP: de maiorías e nos que os seus integrantes non se fan oposición entre eles
O líder dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, pediu a Elena Candia proxectos ilusionantes para os 67 concellos que conforman a súa provincia. Así se pronunciaba logo de que a candidata fose proclamada presidenta do PP de Lugo no Congreso provincial.
Tras destacar a experiencia en xestión e na oposición de Candia, que coñece á perfección a súa provincia; remarcou que Lugo merece un cambio que a cidadanía expresou de maneira clara e contundente. Nese senso, recordou que, no caso da cidade, o PP quedou a un concelleiro de conseguir unha maioría para gobernar; mentres, na Deputación, quedaron a 194 votos de lograr o deputado que lles faltaba para a maioría absoluta.
Como aseverou, isto non pode volver suceder e, para conseguilo, animou aos populares a chegar a cada lugar co único obxectivo de servir aos lucenses, salientando que cada voto pode ser decisivo. “Lugo necesita gobernos que só lle pode dar o PP”, subliñou engadindo que, fronte ás coalicións de minorías como as que agora “desgobernan”, é preciso un executivo de maiorías no que os seus membros non se fagan oposición entre eles e que crea na potencialidade da urbe das murallas.
SOLUCIÓNS Á CRISE ENERXÉTICA
Na súa intervención, Feijóo recordou que os populares levan anos advertindo que o prezo da enerxía se ía converter nun grave problema que, ademais, afecta especialmente á provincia de Lugo e á comarca da Mariña, na que se atopa Alcoa. Sobre isto, recoñeceu que, aínda que desexa que o Goberno acerte coas medidas para abaratar a enerxía, considera que as que está tomando parecen un parche que non resolve a cuestión e só serve para dar “unha patada para adiante” ao problema e facer pagar dentro duns meses a suba que non paguemos agora.
Ante esta situación, resaltou que Galicia aposta por seguir sendo unha das Comunidades que máis apoia aos consumidores vulnerables, mencionando a ampliación do Bono Eléctrico, do que xa se beneficiaron 4.500 fogares.
Ademais, contrapuxo a actitude dos populares, que traballan para resolver os problemas dos cidadáns e do país, axudando sempre aos que máis o necesitan; coa do resto de formacións. Ao respecto, lembrou que, cando a luz subía un 8% co PP no Goberno, a esquerda pedía dimisións e falaba de pobreza enerxética; sen embargo, agora que aumenta un 200%, din que nin é culpa do Executivo central nin a pobreza enerxética é un problema.
UNHA POLÍTICA ÚTIL
Durante o seu discurso na clausura do conclave, o presidente defendeu a política útil, esa que busca cambiar a vida da xente sempre para mellor é a que se preocupa do importante.
Por iso, criticou que o Goberno ignorase a petición da Xunta na que solicitaba adaptar o reparto de vacinas ás circunstancias de cada Comunidade, de modo que, se había algunhas onde non se estaban gastando, estas se repartiran entre os territorios onde aínda hai xente acudindo aos centros de vacinación, como Galicia. Feijóo lamentou que a consecuencia desta negativa provocase que agora haxa vacinas xa caducadas ou a punto de facelo: “É impresentable, indefendible e non se pode volver repetir”.
Neste sentido, tamén cuestionou que ao inicio da pandemia se dixese que as máscaras non eran necesarias, ata que foi unha evidencia; que se afirmase que non facía falta unha Lei de Pandemias, cando todo mundo xurídico sinala que si; e se indicase que o certificado COVID para a hostalería estaba mal pensado, ata que o Supremo deu a razón á Xunta.