O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presenta as propostas para as sete cidades galegas dun proxecto que é un grande pacto entre os galegos do urbano, do rural e de todas as idades.
Deste xeito, o dirixente compareceu en rolda de prensa en Lugo para dar a coñecer o seu programa electoral. Alí, o número un do PPdeG incidiu en que o proxecto co que os populares concorren a estas eleccións “é un grande pacto coas veciñas e veciños de toda Galicia”.
Segundo apuntou, trátase dun pacto sen vetos, sen obstrucións, sen inimigos, sen liñas vermellas, entre os veciños dos concellos máis pequenos e os das cidades e interxeneracional.
Nesa liña, precisou que os populares propoñen este pacto por varias razóns: porque existe unha serie de obxectivos comúns que se recollen no seu proxecto, porque saben o que é gobernar e o que poden ofrecer dun xeito realista, e porque son a única opción de goberno estable e iso significa que son os únicos que poden aplicar as súas propostas desde o primeiro día.
O ÚNICO PROGRAMA DE GOBERNO
Durante a súa intervención, o dirixente salientou que no seu programa electoral, pódense atopar máis dun millar de propostas que benefician a todos os cidadáns de Galicia, pero puntualizando que ten tres particularidades.
Tal e como explicou, pasaron de facer programas que tiñan máis de paliar danos a facer un que ten máis de obter beneficios comúns para toda Galicia. Do mesmo xeito, é o único programa de goberno que se vai poder aplicar grazas á experiencia que teñen e porque propoñen estabilidade para poder executalo; ademais de que son o único partido que presentou un programa de goberno.
FEITOS
Segundo recoñeceu Feijóo, Galicia esixe unha motivación maior que ir contra alguén. Así, para o presidente hai que presentarse ás eleccións para facer, para ser construtivo e para avanzar. “E un ten que poder acreditar as súas propostas con feitos”, engadiu.
“Para mi nunhas eleccións debe haber máis feitos que proclamas”, dixo namentres admitía que nesta campaña o eixo do seu discurso é o que propón facer, apoiándose no que todos os galegos fixemos xa xuntos.
Igualmente, aseverou que, para estas eleccións, hai partidos que gobernaron Galicia pero que ocultan o seu paso por ese goberno, así como forzas que gobernan en cidades pero que non se lles escoita en ningún momento facer ningún tipo de balance porque non o hai.
Pola contra, subliñou que os populares si mostran o que fixeron, “non por conformismo senón o contrario”, xa que se acadaron tanto nos anos difíciles, agora que a economía crece, poden facer moito máis.
Ademais, o presidente puxo en valor que no programa recóllense medidas que benefician a todos os galegos, con moita incidencia nos veciños das cidades. Deste modo, sinalou a infancia e a familia como centro das nosas políticas, a universidade máis accesible nos sete campus, o maior apoio aos autónomos, unha sanidade pública máis renovada desde o punto de vista de infraestruturas e tecnoloxía, ou a maior baixada fiscal da nosa historia e buscar novas baixadas de impostos.