O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, presentou en Lugo as propostas do proxecto dos populares galegos, ao que cualificou como un grande pacto entre os galegos do urbano, do rural e de todas as idades.
Durante unha comparecencia en rolda de prensa, o presidente destacou todo o traballo feito polo seu Goberno nos últimos anos, así como salientou unha escolma das propostas que farán que os lucenses teñan máis oportunidades, apostando por facer de Lugo un referente mundial en innovación aeronáutica, con novas infraestruturas e unha mellor mobilidade, cunha mellor educación, con máis servizos sociais e cunha mellora da asistencia sanitaria.
Nese senso, o dirixente comezou falando do acadado na sanidade pública, recordando como se pasou de ter un hospital baleiro, a que hoxe Lugo conte cun vangarda tras investir nel máis de 60 millóns de euros e contar agora con novos servizos como a radioterapia e medicina nuclear.
Así mesmo, salientou as obras de reforma e adaptación da residencia de maiores As Gándaras e A Milagrosa, sen esquecer o investido no mantemento do Centro de día de Alzheimer.
No eido da educación, Lugo recibiu máis de 11 millóns en investimentos nos centros educativos desde o 2009, que inclúen os preto de 5 millóns de euros dedicados ao Campus Terra e ás novas instalacións do Centro de Investigación en Biomedicina e Veterinaria. O dirixente tamén fixo fincapé en que no período 2016-2020, este será o concello galego que máis investimentos teña en educación.
No que se refire ás infraestruturas, Feijóo recordou que se puxo en servizo a totalidade do corredor Sarria – Monforte e que o Goberno central avanzou na construción da Autovía A-54 entre Santiago e Lugo, estando hoxe xa aberta a autovía desde Nadela ata Palas de Rei.
Así mesmo, precisou que se conta tamén cun Plan de Transporte Metropolitano ademais de que a Xunta vai permitir que os menores de 19 anos dispoñan de transporte gratuíto nas liñas da súa competencia.
Igualmente, quixo salientar especialmente a aposta por facer de Lugo un referente na industria e da innovación e, nese senso, referiuse ao Polo Aeronáutico de Rozas, que aspira a converterse en referencia mundial do sector dos avións non tripulados; engadindo que no Centro de Investigación Aerotransportada estase a impulsar un proxecto que mobilizará 150 millóns de euros que se dedicará a desenvolver tecnoloxía punteira baseada en drons. Ademais, avanzou que se fará un centro de Emprendemento da Industria Aeronáutica na cidade de Lugo.
No ámbito da industria, Feijóo quixo recordar a boa nova por parte dunha compañía que, a poucos kilómetros da Terra Chá, vai procesar 400.000 toneladas de leite cada ano, o 17% total da produción. Deste modo a provincia de Lugo verase beneficiada xa que centenares de gandeiros manterán a maior industria de transformación láctea de Galicia.
PROPOSTAS DE FUTURO
Xa no tocante ás propostas que o PPdeG fai para Lugo de cara aos vindeiros anos, o dirixente destacou iniciativas como o inicio do desdobramento do Corredor Lugo-Sarria -fixando como treito prioritario Pobra San Xiao-Sarria Norte-, o Plan de Sendas na comarca de Lugo, co que se actuará en case 8 kilómetros ou o compromiso de que Lugo conte cunha estación intermodal.
Por outra banda, sinalou que outro dos retos de futuro é dotar de novos usos ás dependencias do vello Hospital Xeral e do Hospital Materno Infantil, ademais de recordar que poñerán a disposición dos lucenses unha nova residencia de maiores.
Referente á educación, ademais de subliñar que continuará o apoio ao Campus Terra de Lugo, afondarase na habilitación de máis centros como centros plurilingues e tamén na súa incorporación ao programa Abalar para as novas tecnoloxías, mantendo tamén a mellora das infraestruturas.
O presidente tamén avanzou que se poñerá á disposición dos lucenses unha nova residencia de maiores, ademais de que se seguirá co Programa de Apoio á Natalidade cunha nova escola infantil, incidindo na importancia do Bono Concilia e do Bono Coidado para chegar a acadar o obxectivo de lista de espera cero en escolas infantís.
Sen esquecer o compromiso co patrimonio cultural, os populares tamén seguirán afondando nas actuacións de mantemento da Muralla de Lugo e continuarase apoiando e fomentando o Camiño Primitivo, incluíndo a execución dun proxecto de sinalización.