25, xaneiro, 2020. O presidente dos populares galegos, Alberto Núñez Feijóo, sinalou ao PPdeG como “a gran maioría aberta a todos” os que prefiren moderación, coherencia e defensa dos intereses de Galicia. Unha gran maioría, engadiu, fronte as posicións extremas, a intransixencia, o sectarismo ou as imposicións minoritarias.
Así, apuntou que a Galicia da década que vén estase a construír con todos e para todos os galegos e que o PPdeG é, ademais, garantía de estabilidade, entendemento e avance. Neste senso, o líder popular avogou, precisamente, pola unión para que Galicia funcione mellor e instou ao multipartito galego a que se dediquen de verdade á Comunidade e deixen as súas leas, divisións e ausencia total de proxecto. Tamén pediu ao multipartito do Goberno de España que asuma a axenda galega, en lugar de seguir coas minorías que dividen.
“O NOSO INTERESE É GALICIA”
“O noso interese é Galicia”, afondou Feijóo, ao tempo que advertiu que o do nacionalismo só é o nacionalismo e o do PSOE e Podemos, estar no Executivo central, “a costa do que fora e a costa de quen fora, incluída Galicia”. “Este Goberno -continuou- perdeu a dignidade cos independentistas e cos galegos xa perdeu a vergonza”.
Así, incidiu en que as mentiras do Goberno de España non lle están a saír gratis a Galicia, tal e como queda de manifesto na negativa a aboar o pago de 370 millóns de euros, nos incumprimentos dos prazos do AVE ou no atraso a unha solución para a industria electrointensiva, así como tamén lles está a afectar aos estudantes galegos a falta de igualdade na proba de acceso á universidade que, unha vez máis, o Goberno de España volve aprazar.
“Ao que se dedican é a montar mesas bilaterais cos independentistas, a reformar o Código Penal á carta para que lle resulte efectivo aos que cometen delitos, e a desviar a atención con problemas que non lle afectan a Galicia”, lamentou Feijóo. Ademais remarcou que os galegos, que xa saben que non poden contar co multipartito, verán con claridade en cada unha das Cámaras quen defende os intereses de Galicia e quen non: “As débedas non prescriben e faremos todo o que estea na nosa man para que os galegos cobren a débeda que teñen con nós”.
Por outra banda, destacou que, ao longo dos últimos anos, Galicia marcou o seu propio camiño de responsabilidade, moderación, entendemento e compatible e leal cos intereses de España; grazas á solidez que dá ter o respaldo da maioría. “Non nos moveu nin a peor das crises e nin a peor das inestabilidades; e non nos vai mover del nin o que parece que será o peor dos gobernos”, dixo. E subliñou que o PPdeG foi quen de sortear todos os bloqueos, de manter sempre a súa palabra e que ten como únicos socios aos galegos.
Tal e como sostivo, a nosa Comunidade ten a súa propia axenda de prioridades: a dunha Galicia mías verde e innovadora e que apoia máis que ningún outro lugar ás familias.
DEFENSORES E SERVIDORES DE GALICIA
Durante a Interparlamentaria popular, aproveitou para poñer en valor o traballo dos membros do PPdeG nas diferentes Cámaras, dos que dixo “son “defensores e servidores dos intereses de Galicia e representantes da gran maioría dos galegos”. E indicou que “o que ten que ser o noso primeiro pensamento, a nosa primeira palabra e a resposta ante calquera reto é Galicia”.
Así mesmo, apuntou que Galicia avanza e como mostra salientou a aprobación dos orzamentos en tempo e forma, o incremento en políticas sociais, investimentos e servizos públicos, a creación de emprego e a xeración de confianza. Un escenario que contrapuxo co multipartito que, despois de dous anos, segue sen ter as contas aprobadas e incumpre coa Unión Europea e coas Comunidades Autónomas.