O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, sinalou que as eleccións non son unha cuestión de partidos, de siglas ou de logotipos senón que se trata de prioridades e “a miña téñoa clara: Galicia, Galicia, Galicia”.
Así se expresaba nun mitin en Pontevedra acompañado por Pablo Casado e Mariano Rajoy, aos que lle agradeceu o seu compromiso con Galicia, o seu apoio incondicional e as súas gañas de sumar. E admitiu que non cre que a Comunidade teña por que estar condenada á fragmentación política de bloques que hai no resto de España.
Feijóo aclarou que por diante de todo está a protección da saúde dos cidadáns e por iso colaborou e colaborará en todo o posible co Goberno de España, por mal goberno que lle pareza. Do mesmo xeito, dixo que por diante tamén está a recuperación económica do emprego, o apoio ás persoas que máis o necesitan neste momento e a unidade de todos os españois.
UN PARTIDO DE ESTADO
Durante a súa intervención, o líder dos populares galegos apuntou que o PP e un partido de Estado. “Queremos o mellor para España e desde Galicia traballaremos tamén para que a España lle vaia mellor”, salientou.
Como lembrou, a súa formación foi fundamental como goberno na recuperación das dúas grandes crises, recoñecendo que, desde as Comunidades Autónomas e desde a oposición, os populares vanse volcar tamén para que o país recupere a súa posición, o emprego, o benestar e o futuro.
Neste punto, referiuse aos millóns de empregos que están en risco pola pandemia, as incertezas do futuro ou pola falta de política económica nacional. Así, lamentou que o Goberno central se negue a darlle unha solución ás familias de Alcoa, As Pontes ou Ence.
GALICIA PLENAMENTE
Feijóo asegurou que os populares non van parar de traballar ata que se recupere a normalidade plena de todos os galegos, considerando a denominada “nova normalidade” insuficiente porque a Comunidade debe crecer e crear emprego como fixo estes anos e ser a terra de oportunidades e benestar para todos os galegos.
Pola contra, resaltou que isto non se conseguirá se nos dividimos e nos enfrontamos entre nós, se os intereses minoritarios queren impoñerse sobre o interese xeral, se hai descoordinación e improvisación á hora de facer as cousas e se nos queremos separar do que tamén somos, España.
“Nós presentámonos cun programa electoral para que Galicia sexa Galicia plenamente”, aseverou indicando que, neste contexto de tantas inquedanzas, os populares aportan confianza, xestión e certezas que poden desenvolver desde o primeiro día para que a nosa Autonomía chegue canto antes á fase de normalidade económica, laboral e social que todos precisamos. “Temos un programa, un equipo unido e sólido, e temos experiencia nos momentos de dificultade”, salientou.
UNIRSE NAS URNAS
O presidente propuxo que os galegos se volvan unir e enchan as urnas votando, esa gran maioría que “prefire o entendemento ao enfrontamento, a planificación á improvisación, a moderación ás posicións extremas, a estabilidade á desconfianza” e a que cre nas posibilidades de Galicia para volver superarse.
Nese senso, avogou por non dar nada por feito e non quedar na casa o 12 de xullo, pedindo o voto pola vitoria, pero non para que sexa a dun partido sobre outros, senón que para que sexa un primeiro paso necesario para a recuperación.