20, outubro, 2019. O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, remarcou que as próximas Eleccións Xerais son unha oportunidade para que poñer remedio ao “desprezo permanente” do Goberno central con Galicia e cambiar meses de “enorme frivolidade” por políticos incapaces de gobernar. Así, animou a converter a desgana pola nova cita coas urnas en ganas por unha “época de normalidade”.
E é que, tal e como apuntou, “nunca antes” houbo o menosprezo co que o Executivo de Pedro Sánchez ten tratado á nosa comunidade nin tampouco o dano que lle está causando á nosa industria: “É difícil facelo peor”. Para Feijóo, non se pode admitir que o Goberno de España pretenda revestir de verde as súas improvisacións, os seus bandazos e a súa ausencia de solucións e alternativas, tal e como está a facer coa central térmica das Pontes, con Ence ou coa industria forestal; nin tampouco permitir a frivolidade que ten futuro de Alcoa ou co AVE. “Non vou calar”, subliñou o líder do PPdeG, quen se amosou preocupado pola situación da industria.
O PP SAE A UNIR, A GAÑAR E A GOBERNAR
Fixo fincapé en que, o vindeiro 10 de novembro, os galegos teñen a oportunidade de poñer fin á decepción, á irresponsabilidade, á inestabilidade, á ausencia de solucións aos problemas económicos incipientes e ás afrontas a Galicia. E, para iso, Feijóo avogou por unir o voto no Partido Popular, para que o país recupere o crédito que está perdendo e se poña a funcionar desde xa. Neste senso, asegurou que o PP “sae a unir, a gañar e a gobernar”; e sostivo que é unha formación de maiorías, de goberno e con sentido de estado.
Tal e como indicou, “coa división gaña quen busca dividir e perdemos todos”. Así, explicou que os máis de 28.000 votos que acadaron Ciudadanos e Vox na provincia de Lugo non supuxeron ningún escano para eses partidos, pero si prexudicaron que o PP puidese obter máis, polo que quen saíu beneficiado foron os socialistas.
Así mesmo, o líder dos populares galegos amosouse seguro de que a inmensa maioría dos españois, independentemente do que votasen o pasado mes de abril, non queren que esta situación de inestabilidade se prolongue no tempo. “Unha inmensa maioría que sabe que a solución non é socialistas, populistas e independentistas, nin fracturar o país, senón traballar e buscar solucións”, engadiu. Por iso, incidiu en que o PP “é a única opción que garante a gobernabilidade do país”. Un partido, dixo, que pode asegurar goberno, responsabilidade, estabilidade, solucións e compromiso con Galicia.
RECUPERAR O MÚSCULO DO PARTIDO POPULAR
“O próximo 11 de novembro, España ten que poñerse en serio a traballar”, recalcou Feijóo ante a preocupante situación económica e incidiu en non arrepentirse do tempo e do diñeiro que se está a perdendo por mor deste executivo.
Para rematar, o presidente do PPdeG destacou que non hai un Goberno de España nin tan sequera en funcións, senón en campaña electoral, que, ao longo destes quince meses, incumpriu coa nosa comunidade, non foi quen de aportar ningún tipo de solución e creou problemas novos. Por todo iso, Feijóo avogou por activar o partido para “recuperar o músculo” do PP, que é, continuou, o músculo de Galicia e de España.