Santiago, 20 de setembro de 2016.- O Presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe “non quero máis líos para a miña terra” e anotou que “Galicia merece outra cousa, merece ser esa excepción en España que lle permita seguir avanzando con estabilidade, con responsabilidade e con inconformismo”. Neste sentido, afirmou que en Galicia “existe nos nosos días unha esquerda feudal que quere facernos volver ao minifundismo” e apuntou que “a orixe da suma multipartita que aspira a gobernar, ou mellor dito a desgobernar, está en pequenos cenáculos egocéntricos que invocan ao pobo co vello estilo do despotismo ilustrado: co pobo, sen o pobo”.
Na intervención no Fórum Nueva Economía, Feijóo sinalou que “unha característica de políticas vellas que chegan con marchamo da novidade é confundir a ampliación da democracia participativa coa diminución da responsabilidade de gobernar”. “O debate é unha fórmula para resolver, non unha coartada para a inoperancia, como sucede a cotío en determinadas administracións”, manifestou.
“Algúns están poñendo de moda os gobernos abstencionistas que teñen medo a gobernar”, matizou o Presidente do PPdeG, quen explicou que “abren debates e axitan polémicas porque carecen de recursos para transformar de verdade a vida da xente ou, se os teñen, carecen de valor”. “Eu defendo a Galicia da fusión fronte á Galicia da fisión; e a Galicia da síntese fronte á Galicia da antítese, porque creo que os feudalismos, o vello e o novo, deben quedar nos libros de historia”, dixo.
Neste sentido, engadiu que “estou farto de eslóganes, de palabras baleiras e de mesías redentores”, porque “os pobos maduros coma o noso elixen aos seus gobernantes para que lles digan a verdade e propoñan camiños acordes coa súa maneira de ser”. “Non me oirán nunca dicir que o noso goberno foi infalible, pero temos que poñer en valor que pensamos na xente, solucionamos problemas e non caemos na soberbia de pensar que acertamos sempre”, indicou.
Ademais, subliñou que “ligamos autonomismo a boa xestión, á defensa dos equilibrios territoriais en España, a europeísmo e fixemos de bos emprendedores un modelo social”. “Ese conxunto de factores fixo posible que a crise non atopara unha Galicia ao pairo, sumida en debates estériles e politicamente fragmentada”, sinalou.
PROGRAMA PARA SER CUMPRIDO DESDE O 26
Feijóo afirmou, por outra banda, que “o programa co que me presento a estas eleccións está concibido para comezar a ser cumprido desde o 26 de setembro” e, referíndose “aos que queren sumar os seus nons para formar ese tipo de goberno que o propio Alfredo Pérez Rubalcaba denomina Goberno Frankenstein”, anotou que “non é a Feijóo a quen realmente queren botar, senón a unhas ideas e principios de moderación, non de axitación; de reformas, non de roturas; e de cohesión, non de división”.
“Aspiro a ser como aqueles galegos que impulsaron infraestruturas que nos uniron aínda máis; como os que loitaron contra a crise con rigor, realismo e ímpeto; e como os que agora desexan aproveitar a recuperación”, manifestou, para alertar de que “non quixera que ese sentimento maioritario se vira frustrado o 26 de setembro, relegado polo que poderíamos denominar o feudalismo político”.