Santiago, 26 de decembro de 2016.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, incidiu hoxe na inclusión no Pleno de mañá dunha proposición non de lei, a iniciativa do PPdeG, a través da que se solicita ao Ministerio de Fomento a conexión de Lugo cos servizos de alta velocidade ferroviaria, para o que se demanda a inclusión de compromisos nos orzamentos de 2017.
A iniciativa defendida polo Grupo Popular ten como obxectivo insistir ante o Goberno central na necesidade de acometer, no menor prazo de tempo posible, un proceso de modernización da liña ferroviaria entre Lugo e Ourense, a través de Monforte. Ademais, demándase ao Ministerio de Fomento que priorice os investimentos que garantan a modernización e faciliten a conexión de Lugo cos servizos de alta velocidade ferroviaria, de xeito que se garanta que os tempos de viaxe entre Lugo e Madrid se sitúen arredor das tres horas.
PROBA DO SIDA
O Grupo Popular tamén defenderá outra proposición non de lei a través da que se demanda á Consellería de Sanidade que inicie a oferta rutineira da proba do SIDA ás persoas de entre 15 a 59 años que vaian proceder a unha extracción de sangue no seu centro de saúde. Esta medida xa está prevista no Plan galego anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual 2015-2018 da Consellería de Sanidade.
Pedro Puy salientou o “especial protagonismo” que terá na sesión plenaria os asuntos relacionados coa violencia de xénero e a igualdade. “Desde o Grupo Popular rexeitamos e condenamos todas aquelas accións de violencia de xénero e avogamos por unha unidade de acción contra esta lacra social, como se viu no último pleno no que se aprobou unha declaración institucional”, apuntou.
Neste punto, Puy afirmou que “hai marxe para os acordos” en materia de loita contra a violencia de xénero, polo que sinalou que “se a oposición trae propostas que teñan efectividade e sexan boas para erradicar esta lacra social contarán co apoio do Grupo Popular”
COLABORAR COA XUSTIZA
Cuestionado sobre a citación pola Audiencia Provincial de A Coruña a dous responsables do Sergas para declarar pola subministración do tratamento para a hepatite C, Puy lembrou que “a Xunta está a colaborar coa Xustiza en todo momento e debemos esperar que a Xustiza actúe coa independencia que estas cuestións requiren”.
Neste sentido, sinalou que “non me parece oportuno condicionar a actividade do Parlamento á existencia dun auto xudicial” e lamentou que se “intente converter a Cámara nunha especie de seguidor e comentarista de procedementos xudiciais”.
Pedro Puy destacou que o gasto farmacéutico da Xunta supera os 1.100 millóns de euros, nun orzamento total de 9.000 millóns, “o que da unha idea do esforzo que toda a sociedade está a facer para que a protección sanitaria e o tratamento farmacéutico funcione ben”. Así mesmo, lembrou que se levan tratado en Galicia máis de 4.700 persoas afectadas pola hepatite C, das que máis de 1.100 foron antes da entrada en vigor do plan estratéxico para a abordaxe desta enfermidade a nivel nacional.