Iniciativa en relación ao déficit de efectivos da Unidade de Policía adscrita e de axentes da Policía Nacional existente en Galicia
O Corpo Nacional de Polícía é unha peza clave do noso Estado de Dereito, prestando un servizo público que proporciona seguridade, contribuíndo ao benestar e á calidade de vida das persoas. O seu papel resulta decisivo ao ter asignadas como principais funcións, entre outras moitas, o coidado do libre exercicio dos dereitos cidadáns, o mantemento da orde pública, a protección de bens e servizos, a persecución do delito, a colaboración coa Xustiza para o cumprimento da lei ou os labores de cooperación e coordinación con outras institucións e entidades públicas para garantir a protección civil en todo tipo de situacións onde se poida ver comprometida a seguridade da poboación.
Tendo en conta a súa transcendencia, resulta prioritario prestarlle unha atención especial para garantir a súa presenza, así como a súa maior inmediatez e eficacia no desenvolvemento das súas funcións.
Ese foi o motivo polo que, ao longo dos case dous séculos da súa historia, o Corpo Nacional de Policía foi adaptando a súa estrutura organizativa e territorial, para tratar de satisfacer as necesidades do conxunto de España. Deste xeito, a Comunidade galega conta hoxe, ademais da Xefatura Superior de Policía de Galicia e dunha unidade específica adscrita á Xunta de Galicia, cunha extensa rede de comisarías e dependencias da Policía Nacional radicadas nas capitais de provincia, en grandes cidades e nalgunha cabeceira de comarca, atendendo ás necesidades do servizo e ás demandas da poboación. Segundo os datos da Dirección Xeral da Policía, dependente do Ministerio do Interior, o Corpo Nacional de Policía atende directamente en Galicia a unha poboación de 1.184.000 habitantes, radicados no contorno das áreas urbanas, o que representa arredor dun 43,33% da poboación galega.
Pero o despregue territorial de comisarías e dependencias policiais na actualidade non vai acompañado da dotación de efectivos que serían necesarios para unha correcta prestación dos servizos. As carencias de persoal afectan a todas as comisaría galegas e mesmo a unidade adscrita á Xunta de Galicia, que viron como as necesidades foron aumentando na última década polo incremento das súas funcións (delitos telemáticos,violencia de xénero e doméstica…), a reducción das prazas convocadas e tamén pola
falta de reposición de efectivos.
Segundo teñen advertido recentemente representantes sindicais, Galicia vén perdendo cada ano un centenar de policías e na actualidade conta con un déficit de 640 prazas (-
20%). Algo semellante acontece en relación coa unidade adscrita á Xunta de Galicia que dispón actualmente de 387 axentes dos 500 contemplados, o que se traduce nunha reducción do 22,6%. E ademais, a plantilla verase mermada nos próximos
meses en 6 prazas, como consecuencia de varias xubilacións, polo que quedará reducida no 2021 a 381 axentes, retrocedendo a UPA a niveis de efectivos do ano
2003 a pesar de ter hoxe máis competencias e funcións que hai 14 anos.
Á vista desta situación, que en maior ou menor medida afecta a todas as comisarías de Galicia e a propia unidade adscrita á Comunidade Autónoma con repercusión no desempeño das súas funcións e polo tanto cunha repercusión negativa para o conxunto da cidadanía.
Por todo o exposto, os deputados e deputadas do Grupo Parlamentario Popular presentan a seguinte proposición non de lei en comisión:
“O Parlamento de Galicia Insta á Xunta de Galicia a solicitar do Goberno de España:
1.- que por parte do Ministerio do Interior a través da Dirección General da Policía se articule un concurso de méritos na Policía Nacional que permita cubrir vacantes na Unidade de Policía Adscrita para incrementar a 500 os seus efectivos, de xeito que esta Unidade poida cumprir coas funcións que actualmente está prestando.
2.- que por parte do Ministerio do Interior nas próximas convocatorias de novas prazas e de concurso de méritos se contemple a adscrición dun número de prazas suficiente de axentes da Policía Nacional, non inferior a 256, para atender as graves carencias de persoal que sofre a Comunidade Autónoma de Galicia”.
Rexistro iniciativa: http://www.parlamentodegalicia.gal/Expedientes/11/PNC-000270