Iniciativa sobre a elaboración pola Xunta de Galicia da avaliación do II Programa de Muller e Ciencia, e o inicio da elaboración do III Programa
O pasado 11 de febreiro celébrouse o Día internacional da muller e da nena na Ciencia, instituído pola Asemblea xeral das Nacións Unidas en 2016. Este ano, a xornada xirou arredor do lema “As mulleres científicas, líderes na loita contra a Covid-19”. Os eixos da convocatoria de 2021 son poñer en valor o papel das mulleres nos distintos avances científicos que se están a producir na loita contra a pandemia e, por outra banda, quérese incidir nos problemas engadidos que para moitas mulleres está a supoñer a crise vencellada ao virus en cuestións como o desenvolvemento profesional ou o acceso ás carreiras superiores.
O II Programa Galego de Muller e Ciencia 2016-2020 elaborouse no seo da Unidade de Muller e Ciencia, creándose un grupo de traballo no que participaron representantes de GAIN, AMTEGA, SERGAS, SECRETARÍA XERAL DE UNIVERSIDADES e a SECRETARÍA XERAL DA IGUALDADE, dándolle polo tanto, un enfoque participativo
coas persoas que integran as institucións presentes na Unidade de Muller e Ciencia.
O papel esencial que ten a investigación e a innovación no esforzo por un crecemento intelixente, sustentable e inclusivo en Europa implica facer un uso completo do capital humano, incluíndo a mulleres e homes por igual, pero en Europa a desigualdade de xénero na ciencia é un problema aínda sen resolver. Por iso, a Estratexia Europa 2020 expón a redución das desigualdades de xénero no mercado de traballo como un dos factores esenciais para un crecemento intelixente, sustentable e integrador.
Esta realidade non é allea a Galicia, por iso co II Programa galego de Muller e Ciencia se incidiu na investigación e a práctica científica para avanzar na igualdade entre mulleres e homes e no cambio institucional que o permita, así como a mellora no obxectivo da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes nos ámbitos social e laboral, modificando os valores, actitudes e estereotipos que sustentan a desigualdade nos ámbitos científico e tecnolóxico e potenciando a participación das mulleres en condicións de igualdade.
Os tres eixos estratéxicos nos que se sustentou o II Programa galego de Muller e Ciencia son:
EIXO 1. Cambio institucional e organizacional, co seguinte obxectivo xeral: conseguir o compromiso das institucións implicadas no sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación para a integración do principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.
EIXO 2. Presenza equilibrada de mulleres e homes no sistema de ciencia, tecnoloxía e innovación, co seguinte obxectivo xeral: equilibrar a presenza de mulleres e homes no sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación tanto nas áreas de coñecemento
como nos postos de responsabilidade.
EIXO 3. Perspectiva de xénero en procesos e procedementos de traballo, co seguinte obxectivo xeral: integrar o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en cada fase da produción, transferencia e aplicación do coñecemento.
O II Programa galego de Muller e Ciencia, é unha estratexia transversal na que se integraron todos os esforzos dos departamentos que compoñen a Unidade de Muller e Ciencia e instituciones que colaboraron no seu desenvolvemento.
Por todo isto e, tendo en conta que o período de vixencia de dito Programa acaba de rematar, o Grupo Parlamentario Popular de Gailicia, e ante os novos retos que temos por diante presenta a seguinte Proposición non de lei:
“O Parlamento insta a Xunta de Galicia a:
1. Elaborar neste periodo de sesións a evaluación do II Programa de Muller e Ciencia
2. Rematada a avaliación, iniciar a elaboración do lll Programa de Muller e Ciencia, dentro da Unidade de Muller e Ciencia e en colaboración coa Comisión Interdepartamental de I+D+i e as Asociacións de Mulleres na Ciencia de Galicia”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNP-001027