Inicaitiva sobre a demanda que debe realizar o Goberno galego ao Goberno central para a conexión do polígono industrial de Balaídos e de Vigo á rede eléctrica de 220 quilovoltios.
A planificación da Rede Eléctrica para o período 2021- 2026 excluíu a conexión do polígono de Balaídos á rede de 220 kilovoltios que lle permitía á planta de PSA e ao tecido industrial de Vigo competir en igualdade de condicións que o resto das plantas de España e Portugal, abaratando os custos na fabricación. Esta nova infraestrutura garantiría tamén unha subministración eléctrica de calidade, estable, fiable e sen perturbacións.
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o –Reto Demográfico, a través de Rede Eléctrica de España (REE), é quen de autorizar ese proxecto que permitiría acometer a liña desde Atios a Balaídos e construír a subestación.
O proxecto, cun investimento aproximado de 70 millóns de euros, estaba incluído na planificación vixente 2015 – 2020 de Rede Eléctrica de España para desenvolver novas infraestruturas da rede de transporte, contando co respaldo da Xunta de Galicia.
Planificación que foi sometida ao Congreso dos Deputados e aprobada por acordo doConsello de Ministros do Goberno de Mariano Rajoy.
Sen embargo, o actual equipo da Secretaria de Estado de Enerxía, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, non aprobou a declaración de excepcionalidade por parte do Goberno central, que resultaría necesaria para autorizar esta actuación.
Dende o Parlamento de Galicia, a través dunha iniciativa aprobada en xullo de 2019, solicitámosllelo, por consideralo un tema vital para o sector da automoción e para a Planta de PSA En Vigo. Non houbo resposta, e hoxe sabemos que esa subestación está excluída da planificación de Rede Eléctrica para o período 2021- 2026.
Unha decisión do Goberno socialista que volve ir en contra do desenvolvemento e o emprego industrial en Vigo, xa que a planta de PSA en Balaídos é actualmente a única gran fábrica española de coches sen subministro a mais de 220 KV.
Cómpre recordar que o sector da automoción xera 24.400 empregos directos en
Galicia, a maior parte deles en Vigo e a súa área de influencia.
Por todo isto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a demandar do Goberno de España, que o Ministerio para a Transición Ecolóxica rectifique e inclúa na Planificación de Rede Eléctrica de España para 2021- 2026, a construción dunha nova subestación para atender a demanda industrial de Balaídos e conectar a Vigo á rede de transporte de 220 kilovoltios, facilitando unha subministración eléctrica moderna con capacidade de ofrecer estabilidade ao servizo”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001155