Iniciativa sobre a posición do Parlamento na defensa da propiedade privada e demandas para mellora marco normativo sobre delito usurpación de inmobles
Cada vez son máis o número de cidadáns que son vítimas dun delito usurpación de vivendas, por unha banda os que sofren as persoas que se ven privadas ilegalmente do disfrute da súa propiedade privada e por outra as persoas que residen nos inmobles onde se producen ocupacións ilegais de vivendas e mesmo en rúas e barrios enteiros que se convirten en focos de delincuencia producindo un forte quebranto da convivencia veciñal.
Actualmente non hai no noso ordenamento xurídico unha base xurídica suficiente que permita dar encaixe e respaldo xurídico tanto á actuación das Forzas e Corpos de Seguridade como aos Tribunais de Xusticia para facer fronte á problemática da okupación ilegal de vivendas nas súas diferentes formas e modalidades, que afecta hoxe en día a un sector crecente da sociedade, que crea evidentes perxuizos e limita e vulnera o pleno exercicio dos seus lexítimos dereitos algo que non se pode permitir nun Estado de Dereito.
Estes feitos delictivos provocan que o propietario do inmoble okupado teña que iniciar un longo e costoso procedimento xudicial para recuperar a posesión da vivenda e o desaloxo dos ocupantes que, como moito serán condeados a unha multa que, na maioría dos casos, nin se fai efectiva; o que xera na cidadanía unha sensación de impotencia ante estas condutas cando quedan impunes, ademáis do estado ruinoso no que acostuman deixar o inmoble cando son desaloxados.
Hai que poñer tamén de manifesto a problemática que sofren os veciños dos inmobles okupados, que residen legalmente nos mesmos edificios de vivendas okupadas, que viven en moitos casos situacións insostibles debido ao clima existente nas comunidades; polos actos vandálicos e os comportamentos incívicos de moitos ocupantes, polo que requiren a intervención dos Corpos e Forzas de Seguridade que, no actual marco lexislativo, non poden realizar intervención algunha salvo nos casos de flagrante delicto.
Galicia é a comunidade autónoma que sofre o maior incremento de ocupacións ilegais en toda España, os datos do primeiro semestre de 2020 do Ministerio del Interior sitúanse nun 33,9% máis de denuncias que no de 2019, seguidos por Murcia cun incremento do 19,7%. Estas okupacións non son froito dunha necesidade social senón que están sendo realizadas fundamentalmente por mafias ou bandas organizadas que convirten a okupación nun negocio xa que exixen diñeiro a cambio de desaloxar a vivenda ocupada ilegalmente.
Ante a inacción do goberno de España algunhas Fiscalías de Comunidades Autónomas están adoptando medidas no seu ámbito territorial. Exemplos como a Instrucción do Fiscal Superior das Illes Balears ou da Fiscalía de Valencia dando cobertura á actuación directa e inmediata dos Corpos e Forzas de Seguridade sin necesidade de solicitar medidas xudiciais cando a ocupación ilegal dun inmoble revista características de delito desaloxando aos ocupantes ilegais e procedendo á súa detención.
A actual Fiscal Xeral do Estado ven de anunciar unha instrucción aos fiscais sobre como abordar a okupación de vivendas aínda que tamén declarou que non faltan resortes nas leis para impedir ou corrixir as ocupacións ilegais. En calquera caso resultan insuficientes os recursos normativos vixentes actualmente para facer frente á ocupación ilegal.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte Proposición non de lei para o seu debate en comisión:
“O Parlamento de Galicia:
1.- Manifesta o seu firme compromiso co Estado de dereito e coa defensa da propiedade privada como dereito fundamental recollido no artigo 33 da Constitución Española.
2.- Insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao goberno de España para que inicie os trámites que permitan mellorar o marco normativo que regula o delito de usurpación de inmobles. Sinaladamente:
a) A modificación do artigo 245 do Código Penal co fin de reorientar e adaptar o tipo penal de usurpación á situación actual.
b) A previsión dun procedemento ou xuizo rápido ou inmediato que axilice o tempo dos litixios derivados da ocupación ilegal de inmobles en menos de 48 horas.
c) Establecer a prohibición de que as persoas que ocupen ilegalmente un
inmoble podan empadroarse no mesmo.
. d) As modificacións lexislativas tendentes a reforzar e facilitar a adopción de medidas tendentes ao desaloxo de inmobles dende o primeiro momento de apreciación de indicios de infracción penal, concretamente posibilitar que no prazo de 12 horas, dende que se teña denunciado a ocupación ilegal dunha vivenda, os Corpos e Forzas de seguridade do Estado podan desaloxar ese inmoble; así como para mellorar a convivencia veciñal conferindo medios de defensa xurídica ás comunidades de propietarios, co fin de corrixir un grave problema social e de convivencia xerado por mor destas actividades ilegais contrarias ao dereito á propiedade e á seguridade das persoas e cousas.
3.- Naqueles casos en que os ocupantes sexan familias en risco de exclusión social, arbitrar, en colaboración cos concellos, as medidas necesarias para o seu realoxo a través dos distintos programas postos en marcha pola Xunta de Galicia”.
Rexistro iniciativa: http://www.parlamentodegalicia.gal/Expedientes/11/PNC-000229