Iniciativa sobre a redacción que presenta a Lei orgánica de modificación da Lei orgánica de educación no referido ao profesorado técnico de formación profesional
O Grupo Parlamentario Popular cree nas moitas posibilidades que ofrece a Formación Profesional na nosa comunidade e somos conscientes do esforzo realizado pola Xunta de Galicia nos últimos anos para incrementar os ciclos e o número de alumnos que seguen este tipo de oferta educativa.
En tan só dez anos, o número de alumnos e alumnas das diferentes especialidades da Formación Profesional incrementouse nun 62%, deste xeito, puidemos pasar de 34.746 alumnos que tiña a FP no curso 2008/2009 a máis de 56.000 que teñen as diversas ofertas de FP neste curso 2020/2021, son datos moi significativos que acreditan o prestixio da Formación Profesional en Galicia.
Esta decidida aposta pola Formación Profesional fai que os galegos e as galegas de hoxe vexan esta oferta formativa como unha garantía de emprego cunha formación que se adapta ás carácteristicas do tecido productivo e que garante a realización de prácticas profesionais que achegan ao alumnado á realidade das empresas.Nesta labor xoga un papel moi importante todo o profesorado técnico de formación profesional
Esta liña de traballo que está a seguir o sistema de formación profesional galego vese afectado pola entrada en vigor da LOMLOE –tamén coñecida como Lei Celáa–, que na disposición adicional décimo primeira desta Lei Orgánica 3/2020, do 29 de decembro, establece que:
“1. Intégranse no corpo de profesores de ensinanza secundaria as especialidades de formación profesional incluídas no corpo a extinguir de profesores técnicos de formación profesional, mantendo a atribución docente recoñecida pola normativa vixente.
2. O Goberno, de acordo coas administracións educativas, establecerá o procedemento para o ingreso neste corpo, así como para o acceso ao mesmo do profesorado técnico de formación profesional que estivera en posesión na data de entrada en vigor desta Lei orgánica da titulación de grao universitario, ou equivalente para os efectos de acceso á función pública, nas condicións que se determinen.
3. Os funcionarios de carreira do corpo de profesores técnicos de formación profesional que, por non reunir os requisitos de titulación esixidos na data de entrada en vigor desta lei, non poidan acceder ao corpo de profesores de ensinanza secundaria, permanecerán no corpo a extinguir de profesores técnicos de formación profesional. Estes profesores manterán a súa especialidade e a atribución docente recoñecida pola normativa vixente”
Esta redacción da lei ten as seguintes consecuencias:
1.- Non se produce unha integración dos funcionarios de carreira do corpo de profesores técnicos de formación profesional no corpo de profesores de ensino secundario, senón que terá que regularse un procedemento de acceso.
2.-Para acceder é necesario ter unha titulación de grao ou equivalente para os efectos da función pública, quere decir que as titulación de diplomatura non están equiparadas a grao para o acceso á función pública.
3.-A lei non establece “ou titulacións declaradas equivalentes para os efectos de docencia”. Polo que todo o profesorado que non teña título de grao, licenciatura ou equivalente a efectos de acceso a función pública non poderá acceder, ou para que poida acceder será necesario modificar a disposición adicional décimo primeira la
LOMLOE. Esta modificación pode realizarse mediante Lei.
4.- Os requisitos de titulación hai que reunilos, de acordo coa LOMLOE, a data da entrada en vigor desta Lei, ou sexa, ao 19 de xaneiro de 2021. Polo tanto non poderán acceder aquelas persoas que obteñan un título de grao con posterioridade a dita data
A decisión de extinguir o corpo de profesores técnicos de Formación Profesional xera unha enorme inestabilidade , supón un obstáculo na consolidación da formación profesional porque deixa nunha situación de indefinición administrativa e laboral do profesorado técnico de Formación Profesional, tanto do persoal funcionario de carreira como daquel persoal interino e substituto nas listas de profesorado das distintas especialidade. Tamén queda nunha situación compremetida o profesorado interino e substituto nas listas porque non se concreta se poderían seguir desempeñando a labor docente, nin as condicións, nin en que modalidade de relación laboral e contractual.
A Xunta de Galicia, ao detectar esta problemática fixo unha ampliación da oferta de plazas da oposición 2020 para, dentro do marco legal, incrementar a oferta dirixida a este colectivo.
A redacción final da LOMLOE denota descoñecemento de como se organizan as ensinanzas de FP e que na súa tramitación parlamentaria houbo un desprezo á participación. É a primeira vez da historia que se vetan as comparecencias e que non foi informada polo Consejo de Estado, en vez de correxir os erros no trámite parlamentario rexeitaron todas as alegacións no Senado, o que fixeron foi vender o papel central da educación por intereses político-partidistas.
Por todo o exposto,O Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta a que traslade ao Ministerio de Educación e FP:
1.- O rexeitamento da Cámara galega ao recollido na LOMLOE respecto do profesorado técnico de FP, xa que se ten descuberto como un erro tanto para o futuro profesional destes docentes como para unha formación de calidade para o alumnado.
2.- A procura de medidas que corrixan o erro cometido na LOMLOE e que permita que todo o profesorado técnico de formación profesional teña posibilidades de integración no corpo de profesores de ensino secundario”
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-000987