Iniciativa sobre o mantemento polo Goberno galego, na campaña de 2021, das axudas excepcionais ao financiamento operativo das adegas de elaboración de viño
O sector vitivinícola galego é un sector clave para a nosa comunidade, tanto desde o punto de vista da calidade, que nos diferencia, como desde a perspectiva económica. As potencialidades do mundo do viño son exponenciais.
A estes efectos, trátase dun sector que aglutina máis de 13.400 viticultores e preto de 500 adegas espalladas por todo o territorio galego. Ademais, calcúlase que na nosa comunidade existen máis de 9.200 hectáreas de viñedos que producen de media uns 64 millóns de quilos de uva ao ano, o que supón un valor estimado de máis de 206 millóns de euros no mercado.
Estamos a falar do eido agrario máis exportador da nosa comunidade, máis dun 20%. É dicir, unha de cada cinco botellas de viños das nosas denominacións de orixe saen de Galicia cara outros países, levando con eles pegadas da nosa distintiva marca e exportando calidade.
Por outra banda, é ineludible a dimensión de carácter dinamizador da produción agropecuaria dedicada ao sector vitivinícola. Unha dimensión que se identifica coa xeración de riqueza e de emprego para o rural galego.
Neste senso, é necesario seguir apostando por este sector como se fixo ata o de agora. Incluso, facer desa aposta un compromiso máis transversal e lonxevo, que permita continuar afrontando as consecuencias dunha crise sanitaria coa que, desgraciadamente, levamos convivindo xa hai un ano.
Ao abeiro disto, o Goberno galego vén amosando a súa implicación polo sector e compensando as deficiencias das achegas –cando hai achegas– do Goberno central, incidindo naquilo no que somos realmente competitivos, como é o caso da calidade fronte á cantidade.
Neste sentido, non houbo momento no que se deixasen de reforzar as sinerxías co sector, cuxo carácter estratéxico pola importancia económica que posúe e máis polas dimensións ás que contribúe, ambiental, cultural e socialmente, derivou no Plan estratéxico de dinamización das comarcas vitivinícolas, cuxo obxectivo é consolidar o vitivinícola como un sector competitivo, tanto no mercado nacional como nos internacionais, cun enoturismo de referencia e capacidade para xerar valor nas comarcas vitivinícolas de xeito sostible.
A devandita implicación tamén se demostra por medio da estreita colaboración da Xunta de Galicia na última vendima 2020 con viticultores e adegueiros. Tanto en relación a garantir que o proceso se puidese desenvolver con normalidade, como no senso de recoller toda a uva, e que non quedaran acios nas vides.
A emerxencia sanitaria debuxou a necesidade dun compromiso maior, situación na que o Goberno galego estivo á altura, como por exemplo co préstamo vendima, dotado con ata 6 millóns de euros, o cal permitiría que todas as adegas galegas puideran mercar a totalidade da uva da colleita dese ano en condicións normais de mercado. Estes empréstitos están garantidos no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), activando unha liña de 37,5 millóns de euros de créditos garantidos pola Xunta.
Unha iniciativa enmarcada nunha nova liña de financiamento impulsada pola Xunta para axudar aos autónomos, microempresas e pemes máis afectados pola crise derivada da pandemia pola covid-19. Esta iniciativa permitiu que se recolleran máis de
ImageImage60 millóns de quilogramos de uva, a pesares do contexto da pandemia, manténdose en liña co valor medio do último decenio.
Desta forma, e xunto con outras convocatorias de axudas específicas, o sector puido compensar as deficiencias das achegas do Goberno central, que resultaron claramente insuficientes e que amosan unha aposta que premia a cantidade, beneficiando a outras comunidades, en troques da calidade que distingue a nosa produción vitivinícola.
Ao respecto, desde o Grupo Parlamentario Popular de Galicia vemos a necesidade de incidir nun mantemento das axudas excepcionais ao financiamento das adegas, coa fin de naturalizar a situación en relación ás circunstancias das bodegas e permitir que poidan mercar a totalidade da uva de colleita de novo neste ano 2021 en condicións normais de mercado.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia para que manteña nesta campaña
2021 as axudas excepcionais ao financiamento operativo das adegas de elaboración de viño”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/GLSBvJaWOUBBb6D7rj_D99gBtQdWRPgtL4Vsc2gwCpk=