10 de febreiro de 2023. A candidata do Partido Popular á alcaldía de Vigo, Marta Fernández-Tapias, reprocha aos socialistas vigueses que mentres o Goberno central maltrata á cidade en materia ferroviaria, elijen sempre defender ao seu partido antes que aos veciños: “Son máis sanchistas que Sánchez”.
Así o manifestou esta mañá en declaracións aos medios na estación intermodal de Urzaiz e acompañada da secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado. Alí exemplificou con cifras estes “malos tratos” en materia ferroviaria asegurando que, en comparación con antes da pandemia, Vigo perdeu seis conexións con Pontevedra, o 75% das conexións con Portugal e o 75% con Ourense.
Á parte da perda de conexións, a candidata á alcaldía denunciou que “sacar un billete resulta unha odisea” e que “o bono anunciado aos catro ventos polo Goberno central queda en mera propaganda cando non hai trens para facer ese percorrido”. Ao que habería que engadir ademais as continuas incidencias e atrasos que “desesperan” aos usuarios.
Xunto aos atrasos na chegada dos trens Avril “que deberían estar a funcionar desde o pasado verán”, Fernández-Tapias volveu demandar ao Executivo o Saída Sur e o tren a Bouzas. Considera que esta conexión é “absolutamente imprescindible para a conectividade e a competitividade do tecido industrial de Vigo”.
Por último, en referencia á conexión por alta velocidade por Cerdedo, a candidata popular lembrou que xa en 1993 e sendo ministro, Abel Caballero prometía a chegada do AVE a Vigo: “Cúmprense trinta anos dese anuncio e aínda seguimos esperando”.
“Xa abonda de atrasos, de incumprimentos e de xogar coa paciencia e co futuro dos vigueses”, concluíu Marta Fernández-Tapias reivindicando que “Vigo deféndese con feitos e non poñéndose á beira de quen prexudica á cidade”.
PAULA PRADO: “O SOCIALISMO NON CUMPRE NUNCA CON GALICIA”
Pola súa banda, Paula Prado denunciou que Galicia “segue cos trens máis vellos e máis caros de España”, afeándolle ao Goberno central os seus reiterados incumprimentos ao redor da chegada dos trens Avril de alta velocidade á Comunidade: “O socialismo o único que fai é vender fume e non cumprir nunca con Galicia”
A número dous dos populares galegos lembrou que a secretaria de Estado de Transportes prometeu en outubro do ano pasado que a alta velocidade chegaría a Galicia no primeiro trimestre de 2023 e que, cando fixo esta promesa, xa “estaba a reiterar unha promesa que fixera o verán anterior”.
“Os trens Avril non chegaron a Galicia nin no verán de 2021, nin en outubro de 2022, nin neste primeiro trimestre do 2023 e, por desgraza, tampouco chegarán este verán. O socialismo o único que fai é vender fume e non cumprir nunca con Galicia”, afirmou Paula Prado respecto diso.
Lembrou así mesmo que a petición destes trens Avril foi trasladada a Pedro Sánchez tanto polo presidente Roda como a través de diversas iniciativas no Parlemento de Galicia, no Congreso dos Deputados e no Senado. “Ningunha das nosas peticións foi escoitada polo presidente Sánchez”, remarca.
“Pedro Sánchez non atende nin ás nosas demandas de mellores conexións ferroviarias, nin ao clamor social contra unha Lei do ‘só si é si’ que debe ser reformada para garantir a protección ás mulleres, nin á petición de que nos deixe formar a máis médicos. Pedro Sánchez é todo fume e incumprimentos”, engadiu.
Mostrándose moi crítica tamén coa “incapacidade” do socialismo vigués para “arrincar compromisos serios ao Goberno de España”, Paula Prado non dubidou en afirmar que nas próximas eleccións municipais do 28 de maio “votar ao socialismo será votar a Sánchez”. Neste sentido, puxo en valor o proxecto que ofrece o Partido Popular de Vigo: “Marta Fernández-Tapias está a dar a cara por Vigo mentres os socialistas calan e aguantan estes desprezos que os vigueses non se merecen”.