4 de xaneiro de 2023. Marta González, deputada galega do Partido Popular no Congreso, asegura que “o 2023 será a última oportunidade de Pedro Sánchez para cumprir con Galicia despois de catro anos sen facelo” e por iso reclama ao presidente do Goberno de España que faga “propósito de autoemenda” e cumpra os “compromisos adquiridos e reiteradamente esquecidos” coa nosa Comunidade.
Así o manifestou esta mañá en declaracións aos medios de comunicación na sede do PPdeG, onde volveu reclamar do Goberno central cuestións que seguen pendentes pero que son “fundamentais” para Galicia. Mencionou neste sentido a reconstrución do viaduto da A-6, o traspaso das competencias de xestión do dominio público marítimo-terrestre, a ampliación das prazas MIR para médicos de familia, a creación da especialidade de Urxencias e Emerxencias e a axilización na asignación dos fondos europeos.
En materia de infraestruturas, e tal e como os populares galegos levan tempo demandando, a deputada no Congreso volveu poñer de manifesto a necesidade de que cheguen a Galicia os trens Avril comprometidos e a conexión por alta velocidade de toda a Comunidade. Reclamando así mesmo “unha aposta clara e decidida” pola conexión por AVE con Portugal e o impulso do Corredor Atlántico.
“Nestes días nos que todos escribimos a carta aos Reis Magos para trasladarlles as nosas peticións de agasallos, nós facemos o propio con Pedro Sánchez. Porque aínda que nin Galicia é un xoguete nin Sánchez vén de Oriente, consideramos que os galegos e as galegas portámonos ben dabondo no 2022 e por iso encantaríanos que se satisfaceran algunhas das nosas peticións”, explicou Marta González.
Engadiu a este respecto que os populares non piden “nin máis nin menos que outras Comunidades, senón soamente o que é xusto para Galicia”, ao tempo que instaba a Pedro Sánchez “a seguir o exemplo de Alfonso Rueda no que se refire a gobernar cos pés na terra e centrado unicamente nos problemas da cidadanía”.
“Invitamos tamén ao PSdeG e ao BNG a que neste 2023 abandonen dunha vez a súa submisión ao sanchismo e defendan os intereses de Galicia, tal e como os galegos e as galegas se merecen”, concluíu.
“2023 SERÁ O ANO DO CAMBIO DA MAN DO PARTIDO POPULAR”
Marta González non dubidou en cualificar o 2023 como “o ano do cambio en España e tamén en Galicia” porque, tal e como sinalou, hai unha gran maioría que considera que “o proxecto esgotado de Pedro Sánchez e do PSOE debe deixar paso ao proxecto de estabilidade e de rigor que representa o Partido Popular”.
“Somos maioría os que estamos convencidos de que nas eleccións municipais do 28 de maio os galegos demostrarán nas urnas o seu rexeitamento ao modelo de desgoberno e parálise que representan o PSOE e os seus socios alá onde gobernan e apostarán maioritariamente polo modelo de sentidiño que ofrece o PPdeG”, engadiu.
En clave nacional, a deputada no Congreso convidou a Pedro Sánchez a “facerse a un lado” e convocar eleccións “para que a maioría que pide cambio poida ter por fin o presidente que España merece e necesita”. Facendo referencia así a Alberto Núñez Feijóo, Marta González afirmou: “Somos maioría os que confiamos en el, porque demostrou durante trece anos ser quen mellor coñece as necesidades de Galicia para reverter estes catros de concesións ao independentismo a costa de desatender aos galegos”.