O Partido Popular levará ao Congreso e ao Senado unha iniciativa para esixir ao Goberno de España axudas de emerxencia ao sector agrícola e pesqueiro ante a forte suba do gasóleo e dos fertilizantes. Así o explicou o deputado galego no Congreso, Francisco Conde, durante unha visita a unha explotación gandeira no Saviñao (Lugo), a Gandería Teijeiro e Rodríguez SC, xunto co alcalde, Carlos Armesto, e os deputados lucenses Jaime De Olano e Cristina Abades, a portavoz de Agricultura, Pesca e Alimentación do Grupo Popular no Congreso, Rosa Quintana, e o portavoz de Pesca no Senado, Manuel Ruiz e o senador lucense José Manuel Balseiro.
O Partido Popular propón artellar un novo Plan de Axudas de Emerxencia para compensar a suba dos custos enerxéticos, do gasóleo e dos fertilizantes. Nese sentido, esixe ao Goberno de Sánchez utilizar toda a marxe de actuación que permite a Unión Europea, ata o 70% do incremento dos prezos e que “o Goberno de España non está a aplicar” porque estableceu un máximo de 20 céntimos por litro de gasóleo de uso agrario -ata o 30 de setembro- cando a UE permite compensar ata o 70% dos sobrecustos en relación ao prezo anterior ao conflito bélico en Oriente Medio. “E a situación do sector pesqueiro é similar”, engaden os populares.
Conde considera “imprescindible” revisar á alza as axudas ao gasóleo polo que se mostra crítico coa posibilidade de retiralas de forma gradual “toda vez que as circunstancias que motivaron estas axudas non cambiaron. É máis, a situación cada vez vai a peor”.
Os populares teñen trasladado estas propostas aos representantes das organizacións agrarias que convocan mobilizacións pola “inacción” do Goberno de Sánchez ante os altos prezos dos carburantes e fertilizantes que comprometen a rendibilidade dos sectores produtivos. En Galicia, afecta a máis de 65.000 explotacións gandeiras (máis de 25.000 de gando bovino) das que 22.000 (máis de 10.000 de bovino) se atopan na provincia de Lugo.
O PP tamén esixe ao Goberno de España, facéndose eco das reivindicacións das organizacións agrarias, a substitución do sistema actual de axudas por un máis áxil no que o agricultor ou o pescador non teñan que adiantar diñeiro. De feito, a axuda ao gasóleo agrario tramítase xunto á devolución anual do Imposto Especial sobre Hidrocarburos, polo que se atrasa a súa percepción. E no caso dos armadores tamén teñen que adiantar o custo durante meses.
As medidas propostas polo Partido Popular buscan que a subida dos custos de produción non deixen a ningún agricultor sen sementar ou abandone a súa explotación, nin que os pescadores se vexan obrigados a deixar de faenar.
SECA
A escaseza xeneraliza de choivas que tamén está a afectar ao sector agrogandeiro galego agrava a situación de moitas explotacións polo que o popular galego tamén pediu ao Executivo a convocatoria “urxente” da Mesa Nacional da Seca para dar resposta ao sector.