Santiago, 11 de decembro de 2018.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular no Parlamento galego, Martín Fernández Prado, asegurou hoxe no Congreso que “pedimos a transferencia da AP-9 non para separar, senón para unir, e non para atacar ao Goberno de España senón para colaborar lealmente con el na xestión máis racional e máis eficaz das nosas infraestruturas”.
Na súa intervención no debate de admisión a trámite da proposición de lei para a transferencia da AP-9 a Galicia, considerou esta autoestrada “vital para Galicia” e instou ao Goberno de España “a convocar, en paralelo a tramitación desta norma no Congreso, a comisión de transferencia necesaria para avanzar neste obxectivo”.
Fernández Prado lembrou que a transferencia da AP-9 a Galicia “é unha demanda unánime do Parlamento galego, que a aprobou ata en tres ocasións e que reflexa o sentimento xeneralizado dos galegos”, ao tempo que “tamén o Goberno galego viu reclamando e defendendo desde 2009, e o Presidente Feijóo incluso antes de selo, o traspaso da titularidade e competencias”. “Esta demanda faise dentro da Constitución e do Estatuto de Autonomía, facendo un exercicio de normalidade constitucional e aplicando o principio de subsidiariedade administrativa propio da tradición e doutrina europea, aproximando a xestión ao cidadán para seguir mellorando os servizos que se lle prestan”, indicou.
“Galicia non reclama esta transferencia como un instrumento para reafirmar ningún sentimento identitario nin para separar, senón para unir”, concretou o portavoz popular, quen engadiu que a solicitude “a presenta unha comunidade autónoma que exerceu o seu autogoberno con lealdade a un proxecto político común que é España”.
MAIOR EFICACIA
Martín Fernández asegurou que “a Xunta de Galicia ten os medios para xestionar esta autopista con maior eficacia ao estar máis próxima ás necesidades e realidades dos usuarios e, por isto, solicitamos a súa transferencia polos cauces regulamentarios, estatutarios e constitucionais”. Neste sentido, apuntou que “o Parlamento de Galicia considera que esta transferencia é xuridicamente viable e conveniente para velar con máis eficacia pola calidade do servizo que se presta aos cidadáns, dado que en Galicia existen polémicas habituais pola xestión dos atascos que se producen nesta autoestrada; pola ausencia de descontos que si existen noutras autoestradas semellantes; e pola contía absolutamente desorbitadas das súas peaxes”.
O portavoz popular subliñou que a AP-9 é “a principal infraestrutura de Galicia e motor da súa competitividade”. Ademais, dixo que “vertebra cinco das sete principais cidades galegas e no seu entorno se asenta máis do 70 por cento da poboación galega e o 80 por cento da súa actividade económica”.
“Tamén é unha autoestrada que pode entenderse como autonómica xa que discorre na súa totalidade polo territorio galego e non ten continuidade cara outras comunidades autónomas; non serve de acceso a pasos fronteirizos, xa que as conexións con Portugal se fan a través doutras estradas de titularidade estatal; non conecta directamente con ningún aeroporto ou porto de interese xeral do Estado; e a titularidade autonómica facilitaría a execución de moitas obras da rede viaria da Comunidade galega que teñen o seu entronque nesta infraestrutura”, sinalou.