Os deputados galegos logran incluír nas conclusións do VIII Foro Parlamentario Hispano-Portugués temas de especial interese para a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
15, setembro, 2020. Os deputados galegos no Congreso traballaron para incluír nas conclusións aprobadas no VIII Foro Parlamentario Hispano-Portugués temas de especial interese para a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como mellorar as conexión ferroviarias, o pulo ao Xacobeo e favorecer a mobilidade laboral neste territorio.
No marco deste foro celebrado en Lisboa, os parlamentarios do Congreso dos Deputados de España e da Asemblea da República de Portugal que integraban as Delegacións presididas polos Presidentes Eduardo Ferro Rodrigues e Meritxell Batet Lamaña aprobaron un total de vinte e unha conclusións – http://www.congreso.es/backoffice_doc/prensa/notas_prensa/76551_1600107259222.pdf-.
Nesta cita, os tres deputados galegos do PP Ana Pastor, vicepresidenta segunda do Congreso, Celso Delgado, presidente da Comisión de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, e Joaquín García, portavoz adxunto da Comisión de Asuntos Exteriores, defenderon que se integrasen nas conclusións definitivas as seguintes propostas:
“Garantir que todos os territorios fronteirizos estean cubertos polas infraestruturas e redes dixitais (tanto o acceso á cobertura de teléfono móbil como o acceso a Internet coa cobertura máis avanzada, como a 5G)”.
“Fortalecer a cooperación transfronteiriza mediante os programas de investigación e colaboración das Universidades e Centros de Excelencia, como o Instituto Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga”.
“Crear instrumentos que favorezan a recuperación da estrutura empresarial e emprendedora das rexións fronteirizas, en diálogo cos axentes sectoriais eurorregionales”.
“Apoiar de forma especial ao sector primario e ao complexo agro-mar-industrial, que se revelaron fundamentais nesta pandemia, para promover a autonomía e seguridade alimentaria”.
“Impulsar a mobilidade laboral, incentivando a contratación de traballadores de ambos os lados da fronteira, dinamizando o mercado de traballo transfronteirizo”.
“Aproveitar o próximo Ano Xacobeo (2021) para dar un novo impulso aos Camiños de Santiago, especialmente aos Camiños Portugueses”.
“Desenvolver protocolos de articulación de procedementos relativos aos movementos transfronteirizos, tanto para hipotéticos futuros peches por pandemia como para as posteriores reaperturas”. Esta proposta pretende evitar que se volvan producir as restricións á libre circulación derivadas da pandemia da Covid-19 que causaron enormes prexuízos para a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal -os traballadores transfronteirizos aumentaron os seus desprazamentos nunha media de 50 Kms-, e tamén problemas aos habitantes destas zonas, que viron como pobos eurocidades foron cortadas pola metade, reducindo drasticamente a capacidade de circulación de persoas e bens.
En consideración a esta situación, os deputados galegos propuxeron tamén “traballar para que os fondos procedentes da Unión Europea presten especial atención ás zonas fronteirizas, co fin de minimizar o impacto do peche que resultou da pandemia da Covid-19”.
Ademais, apoiaron a inclusión nas conclusións de referencias a priorizar a finalización e modernización de infraestruturas fundamentais para os territorios fronteirizos e as súas poboacións, como a conclusión da electrificación do tramo ferroviario entre Viana do Castelo e Valença do Minho; e a conexión do eixo Atlántico Portugués-Español, que inclúe Lisboa, O Porto, Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña.
Como lembrou Celso Delgado, no noso país avanzouse na conexión ferroviaria Vigo-Porto, coa finalización en xullo dos traballos de electrificación do 5,3 km que separan Guillarei da fronteira, único tramo que quedaba sen electrificar na parte española da conexión.
Os deputados galegos @anapastorjulian, @CelsoDelgadoOU e @Quin1954 traballaron arreo no #VIIIForoParlamentarioHispanoPortugués para incluir varios temas de interese para a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, como o Xacobeo, as conexións ferroviarias ou a mobilidade laboral. pic.twitter.com/qqbFfGJHkx
— PP de Galicia (@ppdegalicia) September 15, 2020
Igualmente, nos debates tamén aludiron á problemática da redución de servizos do Tren Internacional Celta entre Vigo e Porto -por mor da pandemia- interesando que progresivamente as operadoras, Renfe e Comboios recuperen os dous servizos diarios como mínimo e melloren o material.
Así mesmo, puxeron de manifesto os riscos para as dúas nacións dun “non acordo” coa UE sobre o Brexit, polas anómalas posicións que está a adoptar o Reino Unido.