Iniciativa sobre a posta en marcha por parte da Xunta de Galicia do modelo “cohousing”, pensado para maiores que sexan autónomos ou cun grao de dependencia leve
A Xunta de Galicia está a traballar para liderar a nivel nacional unha reflexión sobre o papel das persoas maiores na nosa sociedade e avanzar nun mellor sistema de coidados. Con este obxectivo, a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade incrementa o seu orzamento nun 11,3% (ata os 328,2 millóns de euros); e a Dirección Xeral de Atención Integral Sociosanitaria contará cun 31,3% máis de fondos (ata os 232,4 millóns de euros).
Os orzamentos recollen unha aposta histórica por reforzar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que sube o seu investimento nun 21,5% e supera por vez primeira a barreira dos 100 millóns de euros. Ademais, incorpórase unha partida de 340.000 euros para poñer en marcha un teléfono de atención no marco do desenvolvemento da Estratexia galega contra a soidade non desexada.
Para favorecer o envellecemento de proximidade, tamén aumenta un 20% o orzamento destinado ás casas do maior, o que permitirá rematar o ano con máis de 120 centros; e recuperarase o autobús de coidados porta a porta, para o que se destinan 4,8 millóns de euros.
Respecto ao novo modelo de coidados, a Xunta de Galicia está a traballa no novo modelo de residencias sustentado sobre tres piares fundamentais: apostar polas potencialidades da tecnoloxía e poñela ao servizo da calidade de vida das persoas usuarias, explorar melloras estruturais e arquitectónicas que permitan optimizar a atención en todas as circunstancias e o imprescindible avance na coordinación entre o eido social e o sanitario.
Tamén é fundamental a modificación da normativa; unha maior integración das residencias coa atención médica primaria e hospitalaria; así como a investigación, innovación e formación continuadas.
Sobre este diagnóstico traballa o Comité Asesor Sociosanitario, constituído o pasado 21 de decembro, encargado de deseñar o esquema sociosanitario e marcar as liñas mestras polas que transcorrerá o futuro do sector e que permitirá seguir avanzando cara un maior benestar das persoas maiores usuarias.
En relación á aproximación ao novo modelo de residencias, hai que ter en conta as seguintes cuestións: axudar aos cidadáns a que poidan seguir vivindo independentemente nos seus fogares e participar o maior tempo posible na sociedade,
avaliar novos dispositivos existentes noutras comunidades e países adecuados a outros perfís de usuarios, desenvolvemento e innovación sociosanitaria e avaliación e mellora continua da calidade do modelo.
En relación a novos dispositivos, é necesario estudar novas opcións no modelo residencial e buscar proxectos que se asemellen máis a un fogar. Unha destas alternativas é o cohousing, vivendas colectivas nas que unha comunidade de persoas maiores cooperan e comparten recursos como a limpeza, a atención sanitaria, servizos de comida, etc..
O cohousing está pensado para maiores que sexan autónomos ou cun grao de dependencia leve. Galicia é, xunto con Asturias, a comunidades coas taxas de envellecemento poboacional máis elevadas. Este hándicap dispara a demanda de atención social e sanitaria por parte deste colectivo e as vivendas compartidas son unha alternativa que permiten ás persoas maiores, non só manter certa independencia, senón contar ao mesmo tempo cos apoios necesarios para o día a día.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a poñer en marcha, dentro do novo modelo de coidados, o modelo cohousing, pensado para maiores que sexan autónomos ou cun grao de dependencia leve que permite, non só manter certa independencia, senón contar ao mesmo tempo cos apoios necesarios para o día a día, e se minimiza outro problema como o da soidade non desexada”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-002443