Nicole Grueira
Hai pouco que saín das aulas, aínda que, se son sincera, xa me parece que pasou unha eternidade. Supoño que é o que ten medrar: de repente, aquilo que parecía que ía durar para sempre queda atrás e comezas a velo todo con outra perspectiva. E comezas a entender o que antes non. Miña avoa leva anos repetíndome que a mellor herdanza que nos poden deixar é unha boa educación e formación, agora enténdoo.
A educación é o ascensor social que máis importa. É a base de todo, esa ferramenta que abre portas, ofrece oportunidades e posibilita construír un futuro de éxitos. Por iso vexo con preocupación o que está acontecendo en España coas leis educativas. Preocúpame porque os nenos e mozos que hoxe están nas aulas son os adultos do mañá. Serán eles os que terán que traballar, investigar, emprender, coidar, ensinar e, en definitiva, soster a sociedade.
Como dicía antes, a educación é a base de todo, e os últimos datos do informe PISA deben facernos reflexionar. España rexistrou unha caída dos resultados e estes datos volven poñer sobre a mesa as consecuencias das decisións adoptadas en materia educativa nos últimos anos. Esta caída é consecuencia da lei educativa estatal, a LOMLOE.
En Galicia xa se leva tempo advertindo de que isto pasaría, porque cando a cultura do esforzo nas aulas deixa de ser prioritaria, acontecen estas cousas: a caída do nivel educativo en España. E creo que deberiamos ser capaces de debater isto sen complexos: se algo non funciona, hai que revisalo.
Quizais porque son dunha xeración que aínda ten moi recente o paso polas aulas, cústame entender que hoxe falar de esforzo ou de esixencia se vexa como algo negativo. Non o é, é fundamental para que os adultos do mañá -os nenos e mozos de hoxe- sexan capaces de construír o seu futuro sen trabas e sen dificultades.
Esixir non significa poñerlles máis dificultades aos alumnos, senón confiar neles. Dicirlles que poden chegar máis lonxe, que o traballo ten un valor e que non todo na vida vai ser fácil.
Aos nenos hai que apoialos, acompañalos e darlles oportunidades, pero tamén hai que ensinarlles que hai cousas que custan, que aprender require esforzo e que equivocarse forma parte do camiño. Porque non se pode aprobar sen estudar, nin alcanzar unha meta sen traballar por ela.
Porque, ao final, isto vai do país que queremos deixarlles aos que veñen detrás. E temos unha responsabilidade con eles: darlles unha educación que non lles poña teito, senón ferramentas para chegar tan lonxe como sexan capaces.
E volvo á frase da miña avoa, porque quizais nela estea resumido todo o que penso: a mellor herdanza que nos poden deixar é unha boa formación. E esa é tamén a herdanza que nós podemos deixarlles aos que veñen detrás. O Goberno central debería ser quen de abrir os ollos e ver esta realidade.