Santiago, 24 de abril de 2018.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, acusou hoxe ao BNG de traer ao Parlamento unha proposición de lei sobre o sector eléctrico “cargada de demagoxia, de irresponsabilidade, de insolidariedade e, incluso, de falta de constitucionalidade”. Ademais, manifestou que “pretenden beneficiar aos consumidores que poden pagarse unhas instalacións de autoconsumo, inalcanzables para as persoas con menos recursos, e que estes consumidores beneficiados non paguen unha importante parte da súa factura, que será repercutida aos que non se poden permitir o luxo de autoconsumir”.
Marta Nóvoa explicou que os nacionalistas galegos pretenden con esta proposición de lei “eliminar o principio básico de garantía de sostenibilidade económica e financeira do sistema eléctrico español, podendo producirse de novo o desequilibrio do sistema e acadando outra vez un avultado déficit de tarifa”.
“Os deputados do BNG foron colaboradores e cómplices do goberno socialista do señor Zapatero que xerou o maior buraco no sistema eléctrico da historia, non só do noso país, e que non se viu cousa igual en ningún outro país do mundo”, criticou.
AUTOCONSUMO LIBERALIZADO
A portavoz popular indicou, ademais, que o BNG pretende “un autoconsumo liberalizado de tal xeito que practicamente non pon límites na potencia e que, por regra xeral, non ten que contribuír a pagar o mantemento das redes e quedaría fóra do pago das peaxes”. Neste sentido, lembrou que “esas peaxes no so pagan o mantemento das redes, senón tamén o déficit de tarifa e as primas ás renovables que hai que seguir pagando durante 25 anos”.
Respecto da proposta dunha tarifa eléctrica galega, Marta Nóvoa recordou que “nove dos dez comparecentes na tramitación da proposición de lei de eficiencia enerxética e garantía de accesibilidade á enerxía eléctrica rexeitaron esta implantación de tarifas diferenciadas”.
“Pretenden, de novo, outro mal negocio para Galicia, xa que o custe do sistema eléctrico en Galicia ronda os 1.000 millóns de euros, mentres que o que pagamos os galegos non chega aos 800 millóns, co que existe unha diferenza de case 300 millóns que non cubre o gasto”, manifestou.
O BNG CHEGA TARDE
Nóvoa afirmou que “coas súas propostas respecto da suspensión do subministro eléctrico, os nacionalistas tamén chegan tarde, porque tanto a Administración do Estado como a Xunta xa incorporaron axudas coa reformulación do bono social e xa están actuando en beneficio dos máis necesitados”.
En concreto, sinalou que “existe un bono social reformulado, que incorpora o criterio de renda e que en determinados casos de consumidores máis vulnerables considera esenciais o subministro, polo que non se poderán interromper, ao tempo que as comercializadoras terán que avisar antes de iniciar un corte de electricidade”.
“A nivel galego, a Xunta blindou por lei o pago do 50 por cento da factura da luz para os fogares con menos recursos, unha medida que se suma ás axudas existentes desde 2014 para as familias con menos recursos e que xa beneficiaron a máis de 7.000 familias galegas”, salientou.
Para rematar, respecto do suplemento territorial, Marta Nóvoa asegurou que estes impostos “non gravan actividades ou instalacións destinadas a subministración eléctrica, porque a súa finalidade é compensar os efectos negativos que estas actividades teñen na natureza, polo que a súa recadación vai destinada á conservación, reparación ou restauración do medio ambiente”. “Nin desde o Grupo Popular nin desde o Goberno galego se entende que estes impostos se poidan repercutir aos consumidores galegos, polo seu carácter medioambiental”, engadiu.