Santiago, 18 de novembro de 2017.- O Grupo Popular incorpora nas súas emendas aos orzamentos da Xunta para 2018 a modificación da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia de xeito que se estableza a obriga de que os presidentes das deputacións comparezan no Parlamento para explicar os orzamentos dos entes provinciais.
Así mesmo, e complementando as emendas ao proxecto de Lei de acompañamento dos orzamentos relacionadas coa xestión forestal e os incendios forestais, o Grupo Popular propon que os beneficiarios de axudas como consecuencia da vaga de lumes do mes do pasado mes de outubro poidan deducilas na cota integra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF).
A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, considera “necesario asegurar a adecuada toma de coñecemento polo Parlamento de Galicia dos orzamentos das deputacións provinciais a través da comparecencia das persoas titulares da súa presidencia ante a Comisión 3ª”.
“Esta comparecencia debe entenderse sen prexuízo da competencia dos plenos das deputacións provinciais para a aprobación dos seus orzamentos, en uso da súa autonomía constitucional e estatutariamente garantida”, apuntou.
Respecto das medidas relacionadas coa política forestal e os incendios forestais, Prado explicou que, á maiores das emendas que o Grupo Popular rexistrou ao proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas, “damos un paso máis emendando a Lei de orzamentos para que os beneficiarios de axudas obtidas como consecuencia dos danos causados polos incendios que se produciron no mes de outubro poidan aplicarse unha dedución na cota íntegra autonómica do IRPF”.
EMENDAS COINCIDENTES
Respecto das emendas presentadas ao proxecto de Lei de acompañamento dos orzamentos relativas á política forestal e incendios, Paula Prado salientou “que “recollen todas as medidas anunciadas polo Presidente Feijóo e que foron avanzadas esta semana polo vicepresidente da Xunta e a conselleira do Medio Rural aos responsables da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp)”.
“Resulta satisfactorio, e mostra do acertado destas medidas do Goberno galego e do PPdeG, a coincidencia literal destas propostas coas emendas presentadas por algún grupo parlamentario”, sinalou a viceportavoz popular.
Deste xeito, Prado avogou porque este grupo parlamentario “manteña a súa coherencia e dea o seu voto favorable a estas emendas do Grupo Popular”, ao tempo que lamentou “a falta de respecto institucional ao aproveitarse da información facilitada aos representantes da Fegamp polo Goberno galego, amosando a súa plena disposición para colaborar coas entidades locais na mellora da política forestal e a loita contra os incendios”.
DISTINTIVO PARA VEHÍCULOS DE ALUGUEIRO
Outra das emendas rexistradas polo Grupo Popular ao orzamento da Xunta para 2018 atende unha demanda formulada polos taxistas galegos para que se mellore a sinalización dos vehículos destinados á prestación de servizos de alugueiro con condutor.
“Deste xeito, estes vehículos de alugueiro con condutor deberán introducir un distintivo que permita a calquera usuario a súa doada identificación exterior, quedando habilitada a Consellería de Infraestruturas e Transporte para a concreción do deseño final deste distintivo así como para a concreción das condicións de utilización e emisión”, explicou Paula Prado.
RETIRADA DA TAXA DE FONDEO NAS ILLAS ATLÁNTICAS
A viceportavoz popular tamén indicou que as emendas do Grupo Popular solicitan a retirada da taxa prevista nos orzamentos da Xunta para 2018 para o fondeo en augas do Parque Nacional das Illas Atlánticas.