O Grupo Parlamentario Popular está a avanzar nos traballos para reforzar a prevención e a seguridade marítima ante as interaccións entre candorcas e embarcacións, a través dunha iniciativa na que se propón crear un grupo de traballo multidisciplinar coa participación da Xunta, o Goberno de España, expertos científicos e representantes do sector náutico, para estudar novas medidas de detección, alerta e resposta no litoral galego.
Con este fin, os deputados populares Jesús María Fernández, Nazaret Cendán e Miguel Figalgo mantiveron, recentemente no Parlamento de Galicia, unha reunión con membros de distintos sectores afectados –club náuticos, portos deportivos, confrarías, entidades deportivas…-. Tal e como avanzaron, a proposición non de lei contempla dez liñas de actuación coas que se busca impulsar a colaboración institucional e a participación dos distintos sectores implicados, co obxectivo de mellorar a prevención, a detección e a capacidade de resposta ante estes episodios.
Segundo acordaron, este grupo de traballo tería como primeiro cometido analizar a evolución e as características das interaccións rexistradas no litoral galego, estudando as súas causas, localización, frecuencia, circunstancias e consecuencias, así como a información científica dispoñible sobre o comportamento destes cetáceos. Do mesmo modo, tamén se aposta por avaliar a eficacia das medidas, recomendacións e protocolos actualmente existentes, para determinar se é necesario revisalos, reforzalos ou complementalos con novas actuacións de prevención e resposta.
Outro dos eixos fundamentais será o estudo das posibilidades de mellorar os sistemas de detección, localización e seguimento das candorcas, aproveitando as oportunidades que ofrecen as novas tecnoloxías e analizando a utilización coordinada de medios marítimos e aéreos cando resulte tecnicamente aconsellable. Neste sentido, tamén se busca analizar a implantación ou mellora de sistemas de alerta temperá e comunicación inmediata aos navegantes, de maneira que poidan recibir información fiable e accesible, coa maior antelación posible, cando se detecte a presenza de candorcas en zonas de navegación.
A proposta inclúe revisar os protocolos de actuación e mellorar a coordinación entre os organismos responsables da seguridade marítima, o salvamento, a vixilancia e a protección da fauna, co fin de reducir os riscos para as persoas e reforzar a capacidade de resposta ante posibles situacións de emerxencia.
A partir das conclusións dos traballos, o grupo poderá avaliar a necesidade de adoptar medidas adicionais que permitan compatibilizar a protección destes animais coa seguridade dos navegantes e co desenvolvemento da actividade náutica e turística.
UN FENÓMENO QUE REQUIRE UNHA RESPOSTA COORDINADA
Nos últimos anos, incrementáronse os episodios de interacción entre candorcas e embarcacións nas costas de España e Portugal. Galicia é un dos territorios nos que se están rexistrando con maior frecuencia estes incidentes, con especial incidencia nas provincias da Coruña e Pontevedra.
Algúns destes episodios provocaron danos importantes nas embarcacións, principalmente nos sistemas de goberno e nos temóns, chegando a ocasionar a perda da capacidade de manobra e a necesidade de activar dispositivos de Salvamento Marítimo. Nalgúns casos, mesmo se produciu o afundimento das embarcacións e o rescate dos seus tripulantes.
Para rematar, fixeron fincapé en que todo este traballo desenvolverase desde o absoluto respecto á conservación das candorcas e ao réxime de protección que lles resulta aplicable; xa que, segundo subliñaron, a protección da fauna mariña e a seguridade das persoas non son obxectivos contrapostos, senón que deben formar parte dunha mesma estratexia baseada na prevención, no coñecemento científico e na coordinación.