Santiago, 17 de marzo de 2017.- O Grupo Popular rexistrou esta tarde a súa proposta de Plan de Traballo para a Comisión de investigación das antigas caixas galegas, co obxectivo de rematar os traballos realizados durante a pasada IX lexislatura. Ademais de solicitar á Administración do Parlamento galego a posta a disposición dos membros da Comisión de toda a documentación reunida e as transcricións literais das 46 comparecencias realizadas na anterior lexislatura, o Grupo Popular solicita a incorporación de 10 documentos novos co obxectivo de proceder á elaboración da proposta de ditame da ponencia.
A proposta de plan de traballo do Grupo Popular leva como anexo un listado de 200 folios con toda a documentación existente na Comisión de Investigación da pasada lexislatura, procedente principalmente da Xunta de Galicia, e que se considera necesario poñer de novo a disposición dos membros da Comisión para a elaboración do ditame.
Ademais, solicítase a incorporación á Comisión de Investigación de nova información relacionada coas antigas caixas galegas e cos seus dirixentes xurdida nos últimos meses, co obxectivo de complementar os documentos xa existentes a disposición de todos os membros da Comisión de Investigación na pasada lexislatura.
Esta nova información demandada refírese a 10 documentos en concreto:
– Copias das sentenzas 00040/2015 da Audiencia Nacional e 3975/2016 do Tribunal Supremo sobre a causa seguida contra os ex directivos de NovaCaixaGalicia polas indemnizacións recibidas.
– Informe de fiscalización do proceso de reestruturación bancaria, exercicios 2009 a 2015” elaborado polo Tribunal de Cuentas.
– Acordo da Comisión Rectora del Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria, de 30 de xullo de 2012, polo que se detallan os criterios e condicións ás que se axustará a súa actuación nos procesos de reforzamento dos recursos propios de entidades de crédito no ámbito da asistencia financeira europea para a recapitalización.
– Plan de Resolución de NCG Banco, S.A., aprobado o 28 de novembro de 2012 pola Comisión Europea. (State aid n° SA.33734 (2012/N) – Spain Restructuring of NCG).
– Resolución de 7 de xuño de 2013, da Comisión Rectora del Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria, pola que se acorda implementar accións de xestión de instrumentos híbridos de capital e débeda subordinada en execución do Plan de Resolución de NCG Banco SA, aprobado o 27 de novembro de 2012 polo FROB e o Banco de España e o 28 de novembro de 2012 pola Comisión Europea.
– Modificación do Plan de Resolución (State aid n° SA. 38143 (2014/N) – Spain Restructuring of NCG through its acquisition by the Banesco Group)
– Resolución de 23 de xuño de 2014, da Comisión Rectora del Fondo de Reestructuración Ordenada Bancaria, pola que se acorda a transmisión de seiscentos tres millóns seiscentas setenta e unha mil cento sesenta accións (603.671.160 millóns) de NCG Banco SA, titularidade del Fondo de Garantía de Depósitos.
– Informe do FROB sobre o procedemento de venta de NCG Banco, S.A.
– Solicitar á Xunta de Galicia un Informe co balance dos procedementos de arbitraxe levados a cabo polo Instituto Galego de Consumo en relación cos e coas titulares das participacións preferentes das antigas Caixas de Aforros Galegas.
– Solicitar á entidade ABANCA informe sobre a situación a día de hoxe en relación cos e coas titulares das participacións preferentes das antigas Caixas de Aforros Galegas.
Unha vez aprobado o Plan de Traballo, o Grupo Popular propón que se inicien os traballos de elaboración da proposta de ditame en ponencia.
Porén, considera que, a iniciativa dun grupo parlamentario e se fose necesario para elaborar a proposta de ditame, a Comisión de Investigación decidirá se solicita novos informes, documentos ou aclaracións referidos ao obxecto desta Comisión.