A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, acusou hoxe a En Marea e BNG de “pretender facer unha investigación prospectiva” sobre os contratos dun grupo empresarial coa Xunta de Galicia porque “non coñecen nin un só contrato con estas empresas que poida ser fraudulento, non coñecen unha soa concesión ou adxudicación que non cumpra escrupulosamente a lexislación vixente”. “Queren facer a política da tinta de lura, sementar dúbidas e poñer todo baixo sospeita”, manifestou.
Paula Prado explicou que o grupo empresarial sobre o que solicitan unha comisión de investigación En Marea e BNG “ten obtido contratos con diferentes administracións públicas no eido da Comunidade galega, tanto concellos, como deputacións e mesmo a Xunta de Galicia, baixo gobernos de diferente cor política”.
Ademais, lembrou que “esta petición xorde como consecuencia dunha investigación xudicial que se está levando a cabo en Madrid, unha investigación xudicial que non ten solicitado á Xunta de Galicia nin un só contrato con esta empresa e, ao longo da investigación, tampouco ten aparecido nin un só indicio de que houbese algunha conexión coa administración galega”.
EN POLÍTICA NON TODO VALE
“En política non todo vale”, indicou Paula Prado a En Marea e BNG, e apuntou que “nós sabemos que vostedes irrumpiron na política para destruír as institucións, para destruír a democracia e para destruír a nobreza política”. “Co PPdeG non conten para destruír as institucións e a democracia, porque temos un compromiso cos galegos para protexelos de quen non cree na democracia, de quen non cree na importancia das institucións e de que non cree na Xustiza”, sinalou.
A viceportavoz popular lembrou aos grupos da oposición que “isto non é un xulgado, é un Parlamento, e deixen traballar á Xustiza”. Neste sentido, asegurou que “nós cremos absolutamente na separación de poderes, que a Xustiza actúe e que caia todo o peso da lei sobre os corruptos, e desde o Parlamento temos que lexislar para dar ferramentas útiles á Xustiza para que non haxa nin zonas grises nin baleiros legais en materia de corrupción”. “Non hai máis transparencia que a que arroxa unha investigación xudicial, iso si que é un instrumento potente para coñecer a verdade”, sentenciou.
Neste sentido, recordou que o PPdeG “combate a corrupción con feitos” e referiuse aos cinco textos lexislativos aprobados en 50 días na pasada lexislatura ante os que os grupos da oposición “se puxeron de perfil e non votaron favorablemente a ningunha”.
CAMBIO DE POSTURA SOCIALISTA
Paula Prado tamén amosou a súa sorpresa polo voto favorable do Grupo Socialista á creación desta comisión de investigación e cuestionou “que foi o que mudou no PSdeG para pasar de considerala como unha pura posición propagandística dos nacionalistas, en palabras do propio portavoz