Santiago, 22 de novembro de 2021.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, afirmou hoxe que o proxecto de Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña ao proxecto de Lei de orzamentos da Xunta para 2022 “aporta unha solución importante para captar profesionais de atención primaria a atender así as carencias de persoal; intensifica as políticas de igualdade; reduce a presión fiscal aos sectores máis castigados pola crise; e modifica lexislación para mellorar a execución das políticas de mobilidade, forestais e do medio rural”.
“Este proxecto de Lei permite abordar as tres R: reaxustar, reactivar e recuperar”, concretou a viceportavoz popular, quen explicou que “reaxustar a lexislación para axudar á reactivación da economía e acadar a recuperación económica”.
Paula Prado lembrou que “estamos vivindo unha tripla crise: sanitaria, económica e social, e a Lei de medidas inclúe modificacións que nos permiten enfrontarnos a estas tres caras da crise”.
“No ámbito sanitario, o gran déficit de persoal médico de familia nos próximos anos obriga a propoñer ou adoptar medidas extraordinarias para garantir a atención primaria, e por iso na Lei de Medidas creamos con carácter extraordinario unha nova categoría de facultativo de atención primaria e incorporamos a habilitación da categoría de técnico de saúde para levar a cabo funcións de apoio ao persoal médico de atención primaria”, indicou.
MEDIDAS SOCIAIS E REBAIXA DE IMPOSTOS
Así mesmo, respecto da crise social, o proxecto de Lei de medidas permite reforzar medidas de conciliación; darlle amparo legal á gratuidade de escolas infantís de 0 a 3 anos; mellorar as condicións de traslado para as empregadas públicas vítimas de violencia de xénero; habilitar un procedemento extraordinario para a adxudicación directa dunha vivenda protexida de promoción pública ás persoas máis vulnerables e desfavorecidas; crear un novo Fondo de cooperación para os concellos que desexen adquirir e promocionar vivenda de nova construción destinada a alugueiro social; e exonerar do requisito de estar ao corrente das obrigas tributarias aos beneficiarios dos bonos alugueiros que sexan considerados colectivos vulnerables.
“E, en terceiro lugar, nos enfrontamos a unha crise económica e aquí hai dous modelos: o do BNG e do PSOE, subindo os impostos; e o do PPdeG, a través de rebaixas fiscais para que os cidadáns teñan máis cartos no seu peto”, salientou a viceportavoz popular.
Para rematar, Paula Prado criticou que aos grupos da oposición “non lles gusta esta técnica lexislativa, pero tampouco ofrecen alternativas para arranxar os problemas derivados da pandemia”. “O que fan é xerar desconfianza nun texto lexislativo que nada oculta, nada raro lexisla, nin furta o debate e proba disto é que hoxe estamos debatendo en Pleno esta proposición de lei e aínda queda por diante todo o trámite parlamentario en ponencia e Comisión”, sinalou.