Santiago, 10 de novembro de 2020.- A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Marisol Díaz Mouteira, afirmou hoxe no Parlamento que a nova Lei de pesca continental, que hoxe superou o debate de totalidade no Pleno, dotará a Galicia “dun instrumento que garanta a conciliación da práctica deportiva e recreativa da pesca coa conservación da natureza e o respecto á biodiversidade, plenamente conscientes de que a posta en valor do noso entorno natural é unha premisa básica para a súa protección”.
“Os ríos de Galicia son a nosa bandeira natural, unha parte esencial do noso territorio e, como tal, temos que procurar unha práctica da pesca sustentable e respectuosa co medio ambiente”, sinalou.
Marisol Díaz sinalou que, “transcorridos case 30 anos desde a aprobación da actual Lei de pesca, cómpre un novo texto para facer fronte ao cambio climático, ás secas, á contaminación, ó furtivismo, ás especies exóticas invasoras ou á propia evolución da actividade da pesca, que deixou de ser fonte de alimentación para se converter nunha actividade recreativa e deportiva”.
Así mesmo, sinalou que con esta nova Lei “se quere asegurar o relevo xeracional, potenciar a pesca sen morte e dinamizar o turismo rural, incluíndo para elo diversas medidas como a creación das escolas de río; o fomento da formación e a educación nesta materia; a exención da licenza de pesca para os rapaces e rapazas de ata 14 anos de idade; a exención do pago de taxas para os menores de idade que queiran solicitar a licenza e para os maiores de 65 anos; e a gratuidade nos permisos para a práctica da pesca sen morte para todos os menores de idade”.
A portavoz popular negou que esta nova lei sexa “máis laxa” na regulación das concesións e autorizacións hidráulicas e a súa obriga para conservar de xeito sostible os ecosistemas, porque “se cumpre a doutrina do Tribunal Constitucional”. En concreto, sinalou que o texto lexislativo “obedece ao indicado pola Asesoría Xurídica Xeral en 2019 na necesidade de clarificar que a obriga de instalación de dispositivos de remonte só pode ser esixible respecto das autorizacións ou concesións que se outorguen con posterioridade á entrada en vigor da lei”.
CONTROL DE VERTIDOS
Respecto da inclusión de aspectos relacionados co control de vertidos e residuos perigosos que afectan á fauna acuícola e á auga, Marisol Díaz explicou que estas cuestións “están reguladas na normativa sectorial de augas, correspondendo a súa competencia á Administración hidráulica respectiva”.
Para rematar, Díaz Mouteira asegurou que “o ánimo conservacionista e recuperador da riqueza piscícola dos nosos ríos se atopa ao longo de toda a lei”. Así, dixo que está presente “no aproveitamento ordenado e sostible dos recursos piscícolas; o desenvolvemento e mantemento da biodiversidade autóctona dos ecosistemas acuáticos e das súas poboacións de fauna e flora; a conservación e recuperación dos ecosistemas acuáticos en augas continentais; ou o fomento da investigación, a formación e a divulgación para favorecer e promover a pesca responsable”.