Santiago, 6 de novembro de 2020.- A portavoz de Vivenda do Grupo Popular, Marisol Díaz Mouteira, afirmou no Parlamento que a Xunta de Galicia asumirá o vindeiro ano a xestión directa do programa de alugueiro de vivendas baleiras, ao tempo que porá en marcha un programa específico de axudas ao alugueiro para menores de 35 anos, coa particularidade de que neste caso os alugueiros serán con opción de compra ata o quinto ano mantendo o prezo da vivenda establecido no contrato de arrendamento.
Marisol Díaz incidiu que a Xunta “ten un claro obxectivo en materia de vivenda: apoiar ás familias galegas na consecución dunha vivenda digna, de xeito especial naqueles casos de persoas ou colectivos que sufran situacións de desprotección social ou exclusión”. Deste xeito, desde o Goberno galego “se quere construír un pacto social pola vivenda en colaboración cos distintos axentes que interveñen no sector”, adaptando as políticas á realidade económica e ás demandas da sociedade galega.
En concreto, sinalou que as propostas do Goberno galego para o alugueiro de vivenda, propostas que inclúen dúas medidas específicas: continuar coa aposta polo fomento do alugueiro de vivendas baleiras e poñer en marcha unha nova liña de axudas ao alugueiro para menores de 35 anos, neste caso con opción de compra.
SEGURIDADE XURÍDICA E RENDAS LIMITADAS
Respecto do fomento do alugueiro de vivendas baleiras, a portavoz popular lamentou que “os principais concellos galegos, nos que se concentra a demanda deste tipo de vivenda, lle deran as costas ao convenio asinado pola Xunta coa Fegamp e renunciaran a exercer as competencias que, en materia de vivenda protexida, lles atribúe a lei de bases de réxime local”.
Diante desta situación, Díaz Mouteira manifestou que “a Xunta decidiu asumir directamente a xestión dos alugueiros a través dun novo programa que se porá en marcha en 2021 e no que será o propio IGVS o que se encargue de toda a xestión e financiamento do mesmo”. A través deste programa ofrecerase aos propietarios a seguridade xurídica necesaria para o alugueiro, a través de coberturas de impago ou multirrisco no fogar; rendas limitadas para os arrendatarios; e axudas a aqueles inquilinos con máis dificultades. Ademais, a Xunta proporcionará axudas directas aos propietarios para realizar obras de reparación e mellora das vivendas.
En segundo lugar, a Xunta creará o vindeiro ano un programa específico de axudas ao alugueiro para menores de 35 anos, coa particularidade de que neste caso os alugueiros serán con opción de compra ata o quinto ano mantendo o prezo da vivenda establecido no contrato de arrendamento. “Este programa incluirá axudas de ata 6.000 euros para os propietarios e está deseñado para facilitar a emancipación dos mozos e mozas, permitindo que orienten a súa vida laboral antes de tomar a decisión definitiva de adquisición da vivenda na que residen”, explicou.
Ademais destas dúas novas iniciativas, a portavoz popular sinalou que a Xunta continuará realizando as convocatorias de axudas ao alugueiro, Bono de Alugueiro Social e Bono de Alugueiro Social para vítimas de violencia de xénero; adxudicando en réxime de alugueiro as vivendas rehabilitadas en conxuntos históricos, núcleos rurais e a meirande parte das vivendas de promoción pública de nova construción; volverán a convocarse as axudas a concellos para a rehabilitación de vivendas de mestres, outros oficios e outras de titularidade municipal, que permiten aos concellos de menos de 20.000 habitantes dotarse dun parque municipal de vivenda en alugueiro a prezo reducido; e as axudas para a rehabilitación de infravivendas, que permiten aos concellos rehabilitar inmobles da súa propiedade para destinalas ao alugueiro por familias desfavorecidas.
REBAIXA DO IBI
Para rematar, Díaz Mouteira criticou que o BNG “se limite a propoñer medidas de presión fiscal sobre os grandes tenedores de vivenda, é dicir, sobre a inmensa minoría, xa que, segundo os expertos do sector, o 90 por cento das vivendas en propiedade pertencen a pequenos propietarios particulares que investiron os seus aforros nunha casa ou piso”.
Así mesmo, lembrou que “estas medidas fiscais sobre a vivenda que sempre reclama o BNG consisten en penalizar o IBI das vivendas, un imposto de carácter municipal e que, polo tanto, son os concellos os que poden actuar sobre el”. “Para que os concellos poidan aplicar esas penalizacións é necesario que previamente o Goberno de España defina, con carácter xeral e igual para toda España, o concepto de vivendas baleiras”, puntualizou.