11 de abril de 2023. A deputada do Grupo Popular Carmen Pomar afirmou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “o acoso de BNG e PSdeG cara a Corporación de Radio e Televisión de Galicia é a estratexia propia dos populismos en relación aos medios de comunicación, ao máis puro estilo de Trump”.
“Cuestionan a independencia do director xeral da CRTVG, que nunca foi en ningunha lista electoral, mentres que algunha das persoas que encabezan as protestas por esta falta de independencia, que vostedes avalan, van nas súas listas electorais”, apuntou.
“Ao igual que o trumpismo, converten no seu principal inimigo á CRTVG, que sofre as consecuencias deste clima hostil e a converten no chivo expiatorio ao que demonizar e humillar de forma crecente”, sinalou a deputada popular.
Carmen Pomar cualificou a moción defendida hoxe no Pleno polo BNG de “propagandista, porque din que é para substanciar a interpelación do pasado Pleno sobre a aprobación do Consello de Informativos e o Estatuto Profesional, pero non texto desta iniciativa non hai proposta algunha sobre eles nin desenvolve mecanismo algún para a súa creación, porque unicamente se limita a pedir o cambio do director xeral”.
INESQUECIBLE ETAPA CO GOBERNO BIPARTITO
“Queren relevar ao director xeral porque é independente, non está ao servizo de ninguén, non lle poden dar ordes, non lle poden facer as escaletas dos telexornais nin lle poden impoñer a que actos van ou non as cámaras da TVG, porque en realidade o que buscan é máis tempo para Ana Pontón nos informativos e maioría de tertulianos afíns nos debates e faladoiros”, explicou.
Neste sentido, a deputada popular cualificou de “inesquecible” a etapa da CRTVG durante o Goberno bipartito, “porque conseguiron que os medios públicos galegos caesen no maior descrédito, con continuos escándalos que avergoñaban á cidadanía galega”.
TRABALLADORES DE PRIMEIRA E SEGUNDA
Por outra banda, Pomar criticou que BNG e PSdeG “se arroguen a representatividade dos traballadores da CRTVG, cando ten unha plantilla de preto de 900 traballadores e o grupo que participa nas mobilizacións é minoritario”. “A verdade é que o seu obxectivo non é defender aos traballadores da CRTVG, senón intentar deteriorar a imaxe dos medios públicos de comunicación e cuestionar a súa credibilidade, porque creen que así van danar ao PP”, dixo.
“Para o BNG hai traballadores de primeira ou de segunda”, asegurou a deputada popular, porque “se realmente defendesen aos traballadores da CRTVG o que terían que facer é preocuparse porque estea paralizado o proceso de consolidación de emprego de 270 traballadores polo recurso presentado polos sindicatos, e tampouco lles importa aos membros do BNG e PSdeG no Consello de Administración da CRTVG impedir cos seus votos dar estabilidade a unha trintena de traballadores no anterior proceso de consolidación de emprego”.