Santiago, 13 de marzo de 2019.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, afirmou hoxe no Parlamento que “primeiro hai que rematar de deseñar o plan de mellora da atención primaria, que xa incorpora 175 medidas e que está aberto a novas aportacións por parte dos profesionais, para despois axustar os orzamentos ás necesidades reais”.
Neste sentido, demandou aos grupos da oposición que “concreten de onde sacarían vostedes os médicos e pediatras para cubrir as baixas existentes, porque o problema que temos en Galicia é o mesmo que se está a vivir a nivel nacional e incluso con maior gravidade noutras comunidades autónomas”.
Aurelio Núñez manifestou que “entendemos que os distintos colectivos profesionais busquen melloras para os seus membros e o traballo que desenvolven”, porque “entendemos que as suxestións propostas conducirán á elaboración dun documento que poida ser aceptado por todos”.
INCREMENTO DE PRAZAS
Na súa intervención, o portavoz popular lembrou que “xa está anunciado un moi importante incremento de prazas de medicina e pediatría na oferta pública de emprego da Administración galega deste mesmo ano, esgotando a taxa de reposición que nos permite a lexislación vixente”. Neste sentido, demandou a socialistas e En Marea que “convenzan ao Goberno amigo da retirada da taxa de reposición para facilitar a convocatoria de máis prazas”.
Núñez Centeno se referiu, ademais, “ao compromiso de mellora dos equipamentos sanitarios en atención primaria, ao que se destinarán 17,3 millóns de euros e serán os propios xefes de servizo os que deberán comunicar as necesidades de tecnoloxía e mobiliario que consideren oportuno substituír”.
“Tamén se recupera o orzamento individualizado de primaria e tense solicitado de xeito reiterado máis prazas MIR para a formación de médicos de familia e pediatras, ademais da celebración dunha convocatoria MIR extraordinaria, a axilización da acreditación de unidades docentes e de homologación de médicos estranxeiros”, apuntou. Neste ámbito, Aurelio Núñez criticou que “a ministra anunciou na última reunión da Interterritorial de sanidade un número de prazas MIR de familia para o 2020, pero sen concretar cantas corresponden a Galicia ou calquera outra comunidade autónoma”.
SEN PROPOSTAS DESDE A OPOSICIÓN
Fronte a esta serie de medidas dispostas pola Consellería de Sanidade, o portavoz popular manifestou que “nos gustaría que a oposición explicara algunha vez as solucións que teñen para o grave problema da escaseza de médicos de familia e pediatras”.
“Aporten vostedes algunha solución concreta, á marxe das propostas xa recollidas no plan de mellora da atención primaria elaborado pola Consellería de Sanidade, para paliar este grave problema, que está a provocar mobilizacións non só en Galicia senón practicamente en todas as comunidades autónomas españolas”, afirmou.