Tamén ocupan un lugar destacado as propostas de impulso ao sector industrial, o emprego e o sector primario
Mellora do benestar dos cidadáns e dos servizos públicos, así como impulso do sector industrial, o emprego e o sector primario centran as propostas de resolución presentadas polo Grupo Popular ao Debate sobre o Estado da Autonomía. O viceportavoz popular, Miguel Tellado, salientou que “continuamos defendendo o autogoberno de Galicia e a administración galega, tanto a través de novas competencias como na participación na decisión sobre o reparto dos fondos europeos ou no novo financiamento autonómico”.
Miguel Tellado comezou a súa intervención facendo unha valoración da sesión do debate celebrada onte, no que lamentou que “vimos a unha oposición perdida, ensimismada e que repetía os vellos mantras de sempre”. “Enfronte, vimos a un Goberno que, ferido no emocional pola perda do conselleiro Valeriano Martínez, soubo honrarlle comprometendo novas baixadas de impostos, máis investimentos e menos débeda, xunto con novos propostas como a gratuidade das garderías, o novo modelo de residencias ou a carreira investigadora”, apuntou.
O viceportavoz popular dividiu as 40 propostas de resolución en catro grandes apartados: benestar e servizos públicos; industria, emprego e sector primario; infraestruturas; e autogoberno e institucional.
“Unha das cuestións que máis traballo e dedicación supuxo nestes longos meses de pandemia foi blindar o benestar dos galegos e facilitarlles o acceso a uns servizos públicos adecuados e que atenderan todas as súas necesidades”, manifestou Tellado. Así, explicou que unha parte importante das propostas de resolución van nesta dirección, solicitando a rebaixa do prezo da factura eléctrica, tanto para as familias como para as grandes empresas; a inclusión dunha nova rebaixa de impostos nos orzamentos da Xunta para 2022; que o Goberno de España poña en marcha un plan global contra a exclusión financeira do rural; que se amplíe o parque de vivenda pública e se abra ás comunidades autónomas a elaboración da futura Lei de vivenda estatal; que se poña en marcha a Área de Transporte de Galicia, universalizando a gratuidade e as rebaixas no transporte metropolitano; que se impulse un novo modelo de ciclo integral da auga, en colaboración cos concellos e deputacións, fomentando a igualdade de custos en todo o territorio; ou que se continúe loitando contra a violencia de xénero e implantando novas medidas a favor da igualdade entre homes e mulleres.
SERVIZOS PÚBLICOS
Dentro do ámbito dos servizos públicos, o Grupo Popular demanda a eliminación das taxas de reposición na convocatoria de ofertas públicas de emprego, “como unha cuestión que nos preocupa a fin de dotar ao sistema de todos os profesionais que sexan necesarios para atender as necesidades dos galegos”, sinalou Miguel Tellado. Ademais, pídese implantar novas medidas que aseguren un ensino galego de calidade e integrador; apoiar ás universidades galegas cun financiamento estable para o período 2022-2026; impulsar a dixitalización e innovación da cultura galega; proceder a un novo ordenamento da atención primaria, mellorar as infraestruturas, tanto en centros de saúde como en hospitais públicos, e incorporar novos servizos, como a protonterapia; solicitar que o Goberno central contribúa ao financiamento da gratuidade total da educación infantil de 0 a 3 anos que se porá en marcha o vindeiro curso; implantar de xeito progresivo o novo modelo de coidados en residencias; e mellorar o Servizo de Axuda no Fogar, co incremento da participación do Estado ata o 50 por cento do gasto en dependencia.
Un segundo bloque de propostas de resolución ten que ver coa mellora do sector industrial, o emprego e o sector primario. Neste ámbito figuran a sinatura dun Pacto de Estado por Ferrol, coa presenza de todas as administracións públicas, ao que se engade a creación dunha Delegación Territorial da Xunta nesta comarca e a solicitude ao Goberno do Estado para a posta en marcha dunha Zona Franca en Ferrol; a demanda ao Goberno central dunha transición ecolóxica e enerxética xusta e ordenada, que facilite o mantemento da produción e o emprego de empresas como Alcoa, Ence, Alu Ibérica ou a central térmica de As Pontes; o deseño da primeira fábrica de fibras téxtiles en España, que peche o ciclo da madeira en Galicia e que podería localizarse na provincia de Lugo; o impulso da carreira investigadora, que garanta maior profesionalización e maior estabilidade; ou o deseño dunha Axenda Galega de Capacidades e Necesidades Laborais, coa colaboración de todos os axentes económicos e sociais, e co obxectivo de atender as demandas de traballadores cualificados para o novo mercado laboral.
No que respecta ao sector primario, demándase o apoio ás explotacións de Leite de pastoreo, a través do recoñecemento das súas peculiaridades na nova PAC; a posta en marcha de polígonos agroforestais e a aplicación do novo Plan Forestal; o deseño dunha Estratexia Galega para a Economía Azul, que cubra aos sectores directamente apoiados no medio mariño e costeiro; e a definición dunha proposta para a revisión da Política Común de Pesca, que aborde os retos actuais para alcanzar unha pesca sostible, equitativa e próspera.
CHEGADA DO AVE E AUTOVÍAS
Un terceiro bloque das propostas de resolución ten que ver coas infraestruturas, centrándose en dous aspectos principais: o cumprimento do compromiso do Goberno de España coa chegada do AVE a Galicia neste outono, dotando de trens AVRIL; así como a modernización da rede ferroviaria galega; e a inclusión nos orzamentos do Estado para 2022 das necesidades históricas de Galicia en materia de infraestruturas viarias, tanto das autovías estatais de vertebración da comunidade, como a extensión das bonificacións das peaxes aplicadas na AP-9 á AP-53.
Por último, o cuarto apartado de propostas de resolución do Grupo Popular ten que ver coa defensa do autogoberno de Galicia e da administración galega. Neste punto, figura a solicitude para que a Xunta presente as conclusións da auditoría de delimitación de competencias entre a administración autonómica e os concellos; a axilización do traspaso das competencias prioritarias para Galicia, en particular a AP-9, a xestión do dominio público marítimo-terrestre, e a xestión do ingreso mínimo vital; o establecemento dun sistema de cogobernanza real dos fondos europeos, que permita un reparto transparente e equitativo para facilitar a cohesión social e territorial; a demanda dun diálogo multilateral na negociación do novo sistema de financiamento autonómico; e a solicitude para que o Goberno central manteña nos orzamentos do Estado para 2022 o fondo Covid, de xeito que as comunidades autónomas sigan dispoñendo de recursos extraordinarios para facer fronte á pandemia
Dentro do ámbito institucional, as propostas de resolución van dirixidas ao impulso do Xacobeo 2021-22 e a necesaria colaboración do Goberno central, tanto a nivel orzamentario como de planificación do evento; á defensa da lingua galega e a súa dinamización no tecido socioeconómico, na mocidade e nas familias; ao impulso da Estratexia Galicia Dixital 2030; á recuperación da memoria histórica e a reclamación da propiedade dos bens con valor cultural incorporados ilegalmente ao patrimonio do ditador Franco; e a favorecer a integración persoal e familiar das persoas retornadas.
“Todas estas últimas cuestións referidas ao autogoberno e a defensa institucional rematan coa celebración do 40 aniversario do Estatuto de Galicia, co recoñecemento dos logros acadados nestes anos e renovando a nosa vontade de seguir afondando no desenvolvemento do autogoberno que nos corresponde como nacionalidade histórica, con lealdade á unidade de España da que formamos parte”, apuntou Miguel Tellado.
Acceso ás propostas de resolución: DOCUMENTO PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN