Santiago, 13 de xullo de 2021.- O deputado do Grupo Popular Diego Calvo acusou hoxe ao BNG de “fomentar e aplaudir” o peche da central térmica de Endesa, en As Pontes, para reclamar agora solucións á Xunta de Galicia en algo que nada ten que ver coas súas competencias e que suporía unha carga económica para os galegos en cuestións que debe asumir o Goberno Central.
Fíxoo en resposta a unha moción na que os nacionalistas pretendían instar á Xunta a conceder axudas para a xubilación ou formación do persoal agora en risco de desemprego e obviando que se a mina está inoperativa “é consecuencia dunha nefasta e desordenada política de transición enerxética” aplicada polos socialistas sen medir as consecuencias.
Na súa intervención, Calvo fixo fincapé no compromiso da Xunta coa situación das Pontes, como demostra que estea presente no Polo para a Transformación de Galicia e noutros proxectos da candidatura galega aos fondos europeos Next Generation para impulsar a reindustrialización da zona.
Do mesmo xeito, lembrou que o Pacto de Estado por Ferrol inclúe completar a dotación de solo industrial en Penapurreira e Tesouro ou a creación dunha oficina de reindustralización e dun centro loxístico na vila.
“A diferenza do BNG, que só torpedea a actividade industrial en Galicia ao seu antoxo, a Xunta ten presentado unha alternativa para As Pontes a través do uso de biocombustibles, acompañada de informes que corroboran a viabilidade técnica, ambiental e económica da reconversión da central térmica nunha planta 100% renovable”, explicou Diego Calvo, que insistiu no “orzamento realista” con que traballa a Xunta, que suporía un investimento de 30 millóns de euros, unha prima do Goberno de 30 €/MWh, e un prazo de execución que podería comezar en xaneiro do próximo ano.
SEN CAMBIOS NA POSTURA DO PARTIDO POPULAR
Para o deputado popular, a pretensión do BNG de que os galegos “asuman as consecuencias dos errores do Goberno” é algo moi difícil de entender, pois tanto a Xunta como o Grupo Parlamentario Popular sempre defenderon a continuidade da empresa. “Xa non enganan a ninguén, porque vostedes non están a falar de emprego, nin de persoas, nin de subsistencia… só veñen ao Parlamento a intentar lavar a súa conciencia”, criticou Diego Calvo, que ironizou sobre a proposta do BNG de crear plans de xubilación esquecendo a loita polo mantemento da actividade industrial.
O popular animou tamén aos que se puxeron detrás da pancarta “Galicia, un futuro sen carbón”, a explicarlle as consecuencias das súas políticas e as súas accións aos traballadores das auxiliares, aos transportistas do carbón, aos traballadores do porto de Ferrol ou aos comerciantes.
“Tamén lles poden explicar por que votaron en contra da Axenda Galicia, que incluía a demanda de medidas efectivas para garantir unha transición ecolóxica xusta que evitara o peche acelerado da central térmica de As Pontes e a busca dunha alternativa industrial ao peche de Meirama”, engadiu, á vez que criticou a “cada vez máis habitual” forma de actuar do BNG, “que causa problemas de moi difícil solución para logo poñerse detrás das pancartas esixindo á Xunta accións que saben moi ben que non son da súa competencia”.