Santiago, 12 de xullo de 2017.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, defendeu hoxe no Parlamento galego que o Parlamento europeo faga un estudo e análise da situación actual da diferente normativa dos estados membros sobre a xestación subrogada, co fin de levar a cabo a armonización lexislativa nesta materia dentro do ámbito da Unión Europea. “É preciso que se produza un debate sereno, serio e responsable, e se estuden as implicacións nos dereitos humanos non só das mulleres senón tamén dos menores co fin de evitar o turismo reprodutivo”, manifestou Paula Prado, quen considerou “preciso que se proceda á harmonización lexislativa nesta materia dentro do ámbito da Unión Europea para que o que non se dea nun país se poda dar no do lado”.
Paula Prado asegurou que “en ningún caso estamos ante o debate de fondo sobre si estamos a favor ou en contra da xestación subrogada, xa que é un tema da suficiente entidade xurídica, social, ética e moral como para ventilalo nun debate sesgado de tan só 28 minutos”.
“No Grupo Popular consideramos oportuno abrir un debate e reflexión sobre os dereitos das mulleres xestantes, dos menores e da paternidade ou maternidade, pero non nos parece suficiente dispoñer de tan só cinco minutos para un debate sereno e sosegado sobre un tema no que hai posicionamentos moi encontrados no seo da sociedade e unha lexislación dispersa e contraditoria”, apuntou.
A viceportavoz popular manifestou que “no PPdeG coincidimos co Parlamento Europeo e co Comité de Bioética Nacional en prohibir todas aquelas prácticas que supoñan a explotación das mulleres sometidas a este proceso, pero tamén a compra-venta de nenos e nenas porque consideramos preciso defender o interese superior dos menores”.
QUE PASA COS MENORES?
Prado alertou que “non podemos mirar cara a outro lado e obviar a realidade de que en España non se permite a xestación subrogada pero cada vez son máis as persoas que utilizan esta técnica para acceder á maternidade ou paternidade noutros países que si o permiten”.
Neste sentido, cuestionou “que pasa con eses menores”, porque o Tribunal Supremo desbotou o recoñecemento da filiación e negou a posibilidade da inscrición no rexistro civil aos menores froito da xestación subrogada, ao tempo que sinala o acollemento familiar e a adopción como únicas e posibles fórmulas de regularización destes menores.
“Estes defectos respecto da situación deses menores que xa están vivindo en España deben ser corrixidos, tanto no que afecta a súa seguridade xurídica, como no que fai relación á existencia de discriminación económicas e de xénero”, manifestou a viceportavoz popular. Deste xeito, considerou “razoable que, nun contexto europeo que garante os dereitos humanos, así como a liberdade de movementos das persoas dentro do ámbito Schenguen, esa seguridade normativa se estendese ao conxunto dos países que forman este espazo de liberdade que é a Unión Europea, na que actualmente existe unha diversidade lexislativa que vai dende unha gran permisividade ata a prohibición absoluta, pasando por unha certa indefinición legal”.